A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Cultura Victoria Alonso, recibiu hoxe no Pazo Provincial, en Pontevedra, a “visita” de Rosalía de Castro no día en que se conmemora o nacemento da escritora galega “universal”. Rosalía, encarnada por Tero Rodríguez, estivo acompañada polo pintor Modesto Brocos (interpretado por Lucho Penabade, que coa actriz forma Os Quinquilláns), un dos artistas galegos do século XIX “co que a historia ten unha débeda”, como destacou Silva, e o autor do retrato que “permite que hoxe todos teñamos unha figura de Rosalía”. Tamén participou no acto o músico Pepiño Orjais, quen interpretou no acto un tema dedicado á “Nai Rosalía”.
“Rosalía é nosa pero é universal”, manifestou a presidenta da Deputación, antes de dar paso á escritora, quen se amosou “moi emocionada” por visitar unha institución como a provincial, onde “por primeira vez hai unha muller ao fronte”, e onde “hai moitísimas mulleres con responsabilidades”. No acto, tanto ela como Modesto Brocos emprazaron a mudar o actual aspecto da Sala de Comisións, “chea de retratos de varóns, os presidentes” cun retrato de Carmela Silva feito “por algún pintor moderno”. “Agora que temos unha presidenta propoño que esa imaxe tan viril se transforme e modernice”, propuxo Brocos. “Cando pintei a Rosalía, sabía que estaba pintando a unha igual, e non cunha imaxe edulcorada”, engadiu, lonxe da imaxe dos retratos femininos da época.
Neste senso, Rosalía sorprendeuse ao comprobar que aínda non existe a igualdade plena entre homes e mulleres no século XXI e repasou algunhas das críticas que neste eido tivo que aturar na súa época, mesmo as que dicían que non era ela quen escribía, senón o seu marido. “Veño a transmitir a necesidade de seguir loitando e de non parar ata que se consiga esa igualdade”, manifestou, ao que Carmela Silva engadiu que hoxe “hai moitas herdeiras” que seguen o seu camiño .
Trala súa recepción, Rosalía e Brocos visitaron algunhas dependencias do Pazo Provincial e o Edificio Administrativo da Deputación e posteriormente saíron ás rúas de Pontevedra e tamén de Vigo para conversar coa xente e compartir a súa poesía.