InicioCulturaRap, skate ou graffiti en galego na Guarda para amosar o amor...

Rap, skate ou graffiti en galego na Guarda para amosar o amor por Galicia… Por que non?

PUBLICADO O

- Advertisement -

Hoxe o galego non está só xa nos libros, está na rúa. E un idioma que vai morrendo vagariño ten que atopar novos xeitos de atraer aos máis novos. Por iso, o Equipo de Normalización Lingüística do instituto público de Educación Secundaria (IES) A Sangriña e o Concello da Guarda puxeron en marcha a primeira edición das actividades de arte urbana «A cultura na rúa».

As actividades desenvolvéronse durante toda a mañá deste xoves con distintos cursos nos que as rapaces e rapazas puideron experimentar e a aprender variadas formas de expresión artística urbana na contorna do Centro Cultural. Así, uns 100 mozos e mozas guardeses cambiaron o seu habitual material didáctico por monopatíns e aerosois, aínda que si tomaron apuntes no curso de rap dirixido por García MC, membro do popular grupo galego Dios ke te crew. O rapeiro introduciu aos participantes -preto de 40 alumnos e alumnas de 3º da ESO- na cultura hip hop, amosando as distintas ramas que compoñen este movemento artístico e cultural.

MONOPATÍN E GRAFFITIS

Pola súa parte, o alumnado de 2º da ESO participou nun curso de monopatinaxe no que contaron coa axuda de Hugo, Muriel e Javi, tamén alumnos do instituto e hábiles skaters guardeses. En pouco menos de dúas horas, os e as participantes noveis adquiriron os coñecementos básicos para facer uso do monopatín, namentres aqueles máis destros puideron experimentar nunha rampla ou perfeccionar as súas acrobacias.

Actividades de monopatín ou Skate na Guarda dentro de a “Cultura na rúa” para fomentar o galego / Concello de A Guarda

Dende primeira hora da mañá, un grupo de rapazas de distintos cursos fixeron uso dos aerosois para embelecer os muros das escaleiras que dan acceso ao aparcadoiro da Alameda, axudados polo graffiteiro Pow Catro horas bastaron ás noveis artistas para decorar as paredes con imaxes de mulleres e mensaxes feministas como «Non é non».

CULTURA, GALEGO E XUVENTUDE

«A cultura na rúa» forma parte das actividades de normalización e dinamización lingüística promovidas polo Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña e a Concellería de Cultura e Xuventude do Concello da Guarda. O seu obxecto, segundo informa o propio concello, é fomentar o emprego do galego entre a xuventude e ampliar os seus ámbitos de uso.

Con este mesmo fin, ámbalas dúas institucións están a colaborar na campaña «O galego, produto estrela», coa que o alumnado pretende normalizar o uso da lingua nos carteis e outros elementos informativos e publicitarios dos establecementos comerciais e hostaleiros da vila.

ÚLTIMAS

Xulgan en Vigo un home acusado de abusos sexuais continuados a unha menor

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este...

Un ano de prisión por apropiarse de equipos dunha emisora para revender en tendas de segunda man

A Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebra este mércores 28 de...

O xulgado solicita á Policía Local información e documentos sobre o ‘Saltamontes’ no que morreu un mozo en 2024

O xulgado de instrución 3 de Vigo, que investiga o accidente sucedido en agosto do...

Alento celebra o seu 25 aniversario elaborando “a tortilla máis grande da historia de Vigo”

A Asociación de Dano Cerebral Alento celebrará este sábado, 25 de maio, o seu 25 aniversario cunha festa...