O Festival de Cans, que se desenvolverá do 22 ao 25 de maio, bateu este ano de novo a súa marca de curtametraxes inscritas nas seccións oficiais a concurso, con 255 producións galegas, fronte ás 252 da anterior edición.
Así, a organización informou de que recibiu 85 curtametraxes de ficción, 49 de non ficción, 12 obras de animación e 87 videoclips. Así mesmo, inscribíronse outras 22 obras en diferentes formatos que, nalgúns casos, comporán as diversas seccións paralelas do festival.
O comité de selección das obras deberá valorar ‘curtos’ de artistas galegos asentados non só de Galicia, senón tamén procedentes de lugares como Madrid, Barcelona, Valencia, Inglaterra, Estados Unidos ou Italia. A organización explicou que baralla ampliar o número de pezas a concurso na sección ‘Furacáns’ (non ficción), debido ao “gran éxito” do pasado festival.
No que respecta aos videoclips, nesta edición do Festival de Cans presentáronse obras de moi diversos estilos e para músicas que van desde o hip-hop, ata o pop, pasando por música electrónica, rock, folck ou trap.
Por outra banda, a organización segue buscando patrocinadores a través da campaña ‘Apadriña un jalpón’, que desenvolve a asociación Arela (promotora do festival), para que empresas asocien a súa marca a un dos ‘jalpóns’ onde se realizan as proxeccións do Festival de Cans.