InicioCulturaRatificado o convenio que resucita o Teatro Fraga: 20,8 millóns para o...

Ratificado o convenio que resucita o Teatro Fraga: 20,8 millóns para o seu gran retorno

O visto e prace do Goberno galego permite avanzar cara á licitación das obras en 2026 e á recuperación dun símbolo cultural de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra que permitirá “investir máis de 20,8 millóns de euros en completar a rehabilitación do Teatro Fraga de Vigo”, co obxectivo de converter este edificio “nun centro cultural referente de todo o noroeste peninsular”. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen compareceu co presidente, Alfonso Rueda, destacou que se trata dun “proxecto estratéxico de país” co que se busca “devolverlle á cidadanía un edificio emblemático despois de 20 anos sen actividade” e recuperar un espazo “que forma parte da memoria colectiva de Vigo e de Galicia”.

Este fito será posible tras o visto e prace dado ao convenio plurianual 2025-2028 mediante o que o Goberno galego achegará o 51 % da contía necesaria para rehabilitar e o organismo provincial o 49 % restante, tendo en conta a porcentaxe de titularidade de cada unha das institucións públicas deste icónico inmoble. O obxecto deste convenio é dar continuidade ás obras xa executadas no proxecto orixinal polo equipo técnico do arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual delas, e a quen, consecuentemente, se lle adxudicou por contrato de exclusividade a redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección das novas actuacións. Precisamente, prevese para abril do ano que vén a presentación do proxecto, co obxectivo, tal e como explicou o presidente, “de poder licitar as obras a mediados de 2026“.

COMPRA E REHABILITACIÓN

A compra do edificio foi anunciada por Alfonso Rueda en plena campaña electoral, en febreiro de 2024, e formalizouse, por 9,3 millóns de euros, nun acto levado a cabo no propio Teatro en xullo dese ano, coa presenza de Rueda, o presidente da Deputación, Luís López, e o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Semanas despois, iniciouse unha rolda de contactos con colectivos sociais e culturais, para deseñar o plan de usos dese espazo, e abriuse unha caixa de correos virtual de suxestións. Igualmente, púxose en marcha un programa de visitas ao edificio, inicialmente os mércores e logo, tras a alta demanda, estendido aos sábados.

En marzo pasado presentouse o plan de usos, para unha actuación en 7.000 metros cadrados, que contempla, ademais da conservación do actual auditorio con 1.600 butacas, a creación dunha sala polivalente con 860 butacas que poderá albergar a máis de 2.000 persoas, así como espazos expositivos e de traballo, coa idea de pór en marcha residencias artísticas, actividades formativas, e un espazo específico dedicado á historia do propio edificio e do seu impulsor, o empresario cinematográfico Isaac Fraga. A previsión da Xunta é ter a principios do ano que vén a redacción do proxecto básico de execución, para poder licitar as obras a mediados de 2026.

OUTROS ACORDOS

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou a achega de máis de 140.000 euros para a ampliación do espazo expositivo dedicado ao aquitecto Antonio Palacios no Porriño (Pontevedra). Así, deuse luz verde ao convenio co Concello porriñés para ampliar o espazo actualmente dedicado a Palacios ao local contiguo, e que deberá ser acondicionado e equipado, para o que se actuará na fachada acristalada e traseira, en illamentos, pavimentos, climatización, iluminación e ampliarase a zona elevada para dar cabida á maqueta completa do plan urbanístico que o arquitecto deseñou para Vigo.

Igualmente, o goberno galego aprobou a creación e cualificación da colección museográfica Vicente Risco, xestionada pola fundación do mesmo nome e formada por fondos documentais, bibliográficos, plásticos e familiares, que pasarán a formar parte do sistema galego de centros museísticos. Deste xeito, a colección titularidade da Fundación, con sede en Allariz, poderá acceder a axudas específicas, participar en xornadas técnicas e terá a garantía de cumprir os requisitos en canto a instalacións e plan museolóxico.

No ámbito da cultura, o Consello tamén aprobou as bases para a convocatoria do período 2026-27 das bolsas de formación en arquivos, museos e bibliotecas, ás que a Xunta destina 955.000 euros. En total, ofertaranse 69 prazas: 33 de biblioteconomía, para formación con acompañamento de titores, 18 en arquivos (para o Sistema de Arquivos de Galicia), e 18 prazas para espazos museísticos. Os bolseiros comezarán a súa formación no segundo semestre de 2026 e recibirán 1.010 euros (bibliotecas) e 1.055 euros (arquivos e museos). As persoas interesadas deberán enviar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta, unha vez que a convocatoria se publique no Diario Oficial de Galicia e sempre que cumpran os requisitos das bases.

ÚLTIMAS

A UVigo rompe a baralla: dá por “morto” o acordo coa USC e acelera o Grao de Medicina

A Universidade de Vigo segue avanzando nos trámites para solicitar o Grao de Medicina...

A Audiencia ratifica a prisión do violador de Travesía de Vigo tras fuxir a República Dominicana

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ratificou este...

O BNG demanda a retirada da cruz de O Castro en Vigo para “reparar a memoria democrática”

O BNG esixiu este luns a retirada da cruz de O Castro de Vigo,...

SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación en Vigo para esixir a reconstrución da Área Sanitaria

A plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha manifestación para este xoves, 4 de decembro,...