InicioCulturaO festival de Cans fai 20 anos con pleno de estreas

O festival de Cans fai 20 anos con pleno de estreas

Los Punsetes, Fillas de Casandara, Nathalie Poza e máis de 30 estreas e 25 actuacións musicais, os principais reclamos.

PUBLICADO O

A XX edición do Festival de Cans virá cargada de coloquios, de estreas de longametraxes e curtametraxes, da recuperación da parte educativa dos colexios e da volta do público ós chimpíns. Tamén haberá moita música, en moitos casos vinculada a obras que se proxectan no festival. Haberá ata 25 actuacións musicais de diferentes estilos, entre as que destacan Los Punsetes o venres, 19 de maio e The Limboos ou Mr.Kilombo no Espazo Estrella Galicia na Leira do Río, no día grande do sábado, 20 de maio.
Esta 20ª edición contará con máis de 40 curtametraxes nas seccións a concurso, así como oito longos, que suman máis de 25 estreas audiovisuais. Por primeira vez, o certame celebrará o Día das Letras Galegas, coa estrea, o día 17, do documental ‘Florencia, o cego dos Vilares’ de Pancho Álvarez.
A apertura do festival correrá a cargo de ‘Honeymoon’, de Enrique Otero, que xunto con ‘Sica’, de Carla Subirana, ocupa un lugar destacado na programación deste ano. Ademais, haberá numerosas actividades paralelas, como 25 actuacións musicais.
O Festival de Cans presentou este mércores a súa XX edición, que terá lugar nesta aldea de O Porriño durante cinco días, entre o 16 e o 20 de maio. Perto dun centenar de persoas, entre representantes de institucións, patrocinadores, organizadores e veciños déronse cita na presentación no Torreiro de Cans. Entre eles o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
O director do festival, Alfonso Pato, anunciou un vixésimo aniversario “cargado de emoción, con sorpresas, e que será un reencontro de vellos amigos”. Entre eles destaca a presenza da actriz Nathalie Poza, protagonista do filme “Honeymoon”, que abrirá o festival, do Premio de Honor Luis Zahera e outros como Javier Gutiérrez, María Vázquez, Diego Anido, Nerea Barros ou Tamar Novas.
O certame tamén segue apostando polas conexións internacionais, coa retrospectiva da directora franco-armenia Valérie Massadian, premiada en prestixiosos festivais como Locarno, que viaxará a Cans para presentar parte da súa obra inédita en España.
O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, calificou a Cans como un “festival total” e sinalou que foi impresionante ver como se consolidou nestes 20 anos ademais da gran conexión existente entre o evento e a aldea de Cans. Pola súa banda, Goretti Castro, representante de Estrella Galicia dixo que este festival “é algo único e por iso impulsamos incluso un deseño de botellas de edición limitada para celebrar estes 20 anos de resistencia”. Isabel Blanco, representante de Aisge, destacou que nestes anos Cans converteuse no “patrimonio emocional” da cultura galega.
Unha sección oficial con pleno de estreas
Por primeira vez na historia do festival, as 12 curtametraxes que compiten na categoría principal de ficción e animación serán estreas. Sete veranse por vez primeira en Galicia, catro delas serán estreas absolutas e unha delas terá a estrea en España.
Entre elas destacan a presenza de “Ulises”, a singular mirada de Felix Brixel que competiu no Festival de Mälaga, “O neno Sardiña” de Lucía Estévez, que pasou pola competición do Festival de Xixón ou “Amanece, la noche más larga”, a curta de animación que foi finalista dos Goya, dos vigueses Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares, que aínda non tivera a estrea en Galicia. Entre as estreas absolutas están “O Coidado”, o prometedor debut como director do actor Miguel Canalejo, ou a contundente “Carraxe”, ópera prima do tamén actor Muriel Pernas, protagonizada polos veteranos actores Mabel Ribera e Roberto Leal.
 Entradas para asistir ás curtas nos jalpóns, a piques de esgotarse.
 As entradas para acceder ós jalpóns e poder asistir ás proxeccións das obras a concurso están a piques de esgotarse para algunhas sesións. Na sesión matinal do sábado quedan menos de 20 tickets na categoría de ficción e menos de 30 para a categoría “Furacáns” de non ficción. Do mesmo xeito quedan poucas entradas para as actuacións no Galiñeiro da poeta e acordeonista Rosalía Fernández Rial e do cantautor chileno Nano Stern., ambas cun aforo de só 75 persoas. As últimas poden conseguirse a 5 euros en www.festivaldecans.gal.

ÚLTIMAS

O home que obrigou a desaloxar as instalacións da Cidade da Xustiza tras baleirar un extintor, enfróntase a 2 anos de cárcere

O home que, en outubro de 2023, baleirou un extintor nun xulgado de Vigo...

O Concello de Vigo envía cinco bombeiros e dous vehículos para axudar ás vítimas da DANA

Cinco efectos do corpo de Bombeiros de Vigo e dous vehículos, un deles con...

A viguesa Seadrone construirá un vehículo non tripulado de superficie para a Armada

A compañía viguesa Seadrone adxudicouse a construción dun vehículo non tripulado de superficie para...

Piden dous anos de cárcere a un xefe en Vigo por acoso sexual a unha empregada con discapacidade psíquica

Un empresario, administrador dunha mercantil de servizos informáticos de Vigo, enfróntase a 22 meses...