O xurado do IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey outorgou o galardón da súa novena edición a Roberto Mera por “un interesantísimo proxecto biográfico” sobre a figura de Amado Garra Castellanzuelo. Segundo o xurado, é unha investigación coa que se busca recuperar a figura dun persoeiro ponteareán de gran calado e importancia a nivel galego “pero que é un gran descoñecido para a veciñanza”.
O xurado tamén destacou o “carácter inédito” deste proxecto, xa que, malia a ampla traxectoria e intensa vida política e social de Amado Garra, nunca foi obxecto dunha investigación biográfica máis alá de breves artigos ou referencias bibliográficas arredor de aspectos parciais ou puntuais da súa vida.
Garra, avogado e xornalista, foi un dos principais dirixentes do agrarismo galego e líder do republicanismo na provincia de Pontevedra dende comezos do século XX. O achegamento á súa vida e obra “permitirá coñecer máis os movementos sociopolíticos transcendentais no primeiro terzo do século XX, como foron o agrarismo, o republicanismo, o xornalismo como ferramenta propagandística ou as relacións con Portugal, dinámicas das que Ponteareas, a través de Amado Garra, foi un dos seus epicentros”.
O proxecto presentado por Roberto Mera propón un intenso traballo de recollida das abondosas fontes de información existentes para reconstruír a vida de Amado Garra, especialmente as hemerográficas, con máis de 1.700 referencias ao ponteareán existentes na Biblioteca Dixital de Galicia en 53 publicacións diferentes. A investigación tamén se desenvolveu en diferentes arquivos de Portugal, Galicia e outros lugares do Estado onde o investigador localizou información sobre Amado Garra.
Roberto Mera, gañador desta edición do Premio, é avogado e politicólogo e xa obtivo en 2022 o Premio de Investigación Antón Losada Diéguez, un dos máis prestixiosos de Galicia, polo traballo biográfico e de investigación sobre o seu tío bisavó e tamén ponteareán, Alejandro Viana Esperón, figura moi vinculada a Amado Garra.
Nesta edición, o xurado estivo composto polo recoñecido etnógrafo e historiador, Clodio González, en representación da Real Academia Galega, así como o escritor Silvestre Gómez Xurxo, en representación do Consello da Cultura Galega e do padroado da Fundación Penzol. Tamén o integraban Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, investigador e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Alfonso Caride, responsable de Actividades Culturais do Campus de Vigo da Universidade de Vigo; o historiador Gonzalo Fernández; e Fernando Groba, concelleiro de Cultura.
Todos os traballos preséntanse ao certame de forma anónima, de maneira que o xurado escolle primeiro o proxecto gañador e a continuación abre a plica para coñecer o nome do autor ou da autora. O premiado dispón de seis meses para realizar o traballo de investigación, que está dotado con 3.000 euros.