Tui propón unha ruta xudea para dar a coñecer o seu patrimonio “único”

A vila do Baixo Miño conserva as únicas pezas que quedan en España sobre unha antiga práctica da Inquisición.

Tui presumiu na fin de semana de pasado xudeu no encontro da Rede de Xuderías de España e Portugal celebrado na localidade lusa de Castelo de Vide. Á vila situada alén do Miño desprazouse o concelleiro de turismo da localidade tudense, Laureano Alonso, que compartiu espazo coa xerente da rede española, Marta Puig, e o vicepresidente da organización homóloga a nivel portugués.

O obxectivo do encontro pasaba por dar a coñecer o legado xudeu de Tui e establecer contactos de cara á conformación de novos proxectos. Entre as propostas suxeridas nos relatorios realizados ao longo da fin de semana, o concelleiro de Tui destacou a creación de catro rutas pola Península Ibérica, unha das cales podería contar coa localidade tudense como eixo vertebrador.

“A idea é facer un itinerario no que Tui sería o punto de entrada a Portugal”, apuntou no encontro.  Nesa situación estratéxica salientou tamén a importancia de que Valença poida formar parte da Rede de Xuderías de Portugal, de tal xeito que o legado xudeu da Eurocidade sexa un elemento máis na promoción turística e cultural dos dous municipios.

OS SAMBENITOS

Tui destaca no patrimonio histórico xudeu polos moitos sambenitos que conserva. Trátase dunhas prendas de roupa –unha sorte de sacos– que a Inquisición colocaba sobre os herexes para expoñelos ao escarnio público nas cidades e impedirlles acceder a determinados cargos. A cidade tudense foi foco de convivencia entre xudeus e cristiáns ata que, en 1492, os Reis Católicos mandaron a súa expulsión. Comezou entón ese costume segregador que a día de hoxe asenta unha das bases do triste pero rico patrimonio cultural tudense.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here