InicioSociedadeUVigo e Telespazio pon en marcha o primeiro máster dual dunha universidade...

UVigo e Telespazio pon en marcha o primeiro máster dual dunha universidade pública española, en tecnoloxía xeoespacial

Ambas as partes tamén impulsarán unha investigación sobre o uso de algoritmos para analizar imaxes

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo e a multinacional Telespazio asinaron este luns un convenio que permitirá a creación do primeiro máster dual dunha universidade pública en España, e que se centrará na tecnoloxía xeoespacial, cun amplo contido de carácter práctico.

O acordo foi asinado polo reitor da institución académica viguesa, Manuel Reigosa, e polo conselleiro delegado da empresa, Carlos Fernández da Pena, nun acto no que tamén estiveron presentes o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a directora da GAIN, Patricia Argerey.

O convenio, que se encadra na iniciativa Civil UAVs de voos non tripulados (á que se sumou Telespazio como empresa tractora), tamén permitirá abrir unha liña de investigación conxunta que se centrará na definición dunha nova xeración de algoritmos para o seguimento da biodiversidade. Neste proxecto implicarase o Grupo de Geotecnologías Aplicadas (GeoTech), dirixido polos catedráticos Pedro Arias e Henrique Lorenzo.

O reitor, Manuel Reigosa, puxo en valor que tanto a empresa como a Universidade comparten unha visión na que aspiran a que “a Galicia do futuro sexa unha sociedade próspera, desenvolvida e baseada no coñecemento”, e apuntou que o Polo Aeroespacial de Rozas concita as condicións para traballar nesa dirección.

Así, trasladou a súa satisfacción pola participación da UVigo “tanto a nivel docente como investigador, e de transferencia”, e subliñou que pon a disposición do proxecto público-privado “un dos grupos de investigación máis importantes” dos que dispón a institución.

Carlos Fernández da Pena, pola súa banda, destacou que Telespazio asume con Galicia un “compromiso a longo prazo” baseado na innovación tecnolóxica, o impulso ao sector aeroespacial e á excelencia educativa.

“APOSTA” POLO I+D+i DE GALICIA

Pola súa banda, Francisco Conde agradeceu a “aposta” de Telespazio polo ecosistema galego de I+D+i e pola Universidade de Vigo, que lidera en Galicia a investigación no campo da industria aeroespacial.

Segundo lembrou, unha decena de empresas e centros de coñecemento colaboran no Polo Aeroespacial de Rozas, que mobiliza case 330 millóns de euros (que poderían ascender a 540 millóns coas achegas de fondos europeos e do Perte do sector).

O vicepresidente galego puxo en valor o traballo da industria aeroespacial en Galicia e sinalou que, segundo os datos do Consorcio Aeronáutico, conta con 1.500 empregos entre directos e indirectos.

MÁSTER DUAL

A cooperación entre a Universidade de Vigo e Telespazio plasmarase no primeiro máster dual que se oferta nunha universidade pública española, que estará centrado na tecnoloxía xeoespacial. Trátase dun título propio da Universidade (logo converterase en máster oficial), un programa pioneiro que, acompañado dun sistema de bolsas, permitirá a transición directa do alumnado á empresa, e que comezará con 15 prazas o curso 2024-25.

Ademais do máster, levará a cabo un proxecto de investigación baseado no uso de algoritmos para analizar imaxes de satélite e de drones para identificar fenómenos ambientais relacionados coa liña de costa, os ecosistemos fluviais, o crecemento das cidades, etc.

Os aspectos de traballo dependerán das “prioridades da Xunta”, segundo apuntou Fernández da Pena, quen explicou que, nun contexto de cambio climático, o estudo de evolución da biodiversidade axudará a tomar as decisións adecuadas ás administracións para a súa preservación.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...