O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade celebrará a carreira de San Silvestre a mediados do mes de febreiro, despois de que tivese que ser suspendida o pasado 31 de decembro polo temporal.
En rolda de prensa, o rexedor olívico indicou que o evento se celebrará do mesmo xeito que se ía a facer en fin de ano, xa que “moita xente ten os disfraces preparados”.
Tamén indicou que a mediados de marzo levará a cabo a festa de despedida de 2022 que se ía a desenvolver en Praza de América o 31 de decembro. Caballero non descartou mesmo que se tomen uvas para celebrar a chegada da primavera.
Antes, o alcalde lembrou que o próximo 5 de xaneiro a cabalgata de Reyes percorrerá as rúas da cidade. Á mañá, de 11 a 15 horas, permanecerá estática na Avenida de Castelao, mentres que a partir das 17.30 horas partirá desde alí ata Porta do Sol, pasando por Praza América, Camelias, López Moura, Pi e Margall, Paseo de Alfonso e Elduayen.
NADAL “INIMAXINABLE”
Abel Caballero volveu a pór en valor o “éxito inimaxinable” do Nadal de Vigo, que volveu a permitir que os establecementos hostaleiros rexistrasen un 85 % de ocupación este pasado fin de semana a pesar das choivas.
Así, celebrou o gran número de visitantes chegados do resto de Galicia e de España, ademais dos miles de viaxeiros procedentes de Portugal.
Debido á mellora do clima, para esta semana prevese gran multitude de desprazamentos, polo que o Concello puxo en marcha un novo plan de tráfico para evitar os grandes atascos contabilizados nos últimos días.
Desta maneira, o itinerario recomendado pasará por desprazarse a Samil en coche particular para alí coller as lanzadeiras de Vitrasa que transportan aos turistas ao centro da cidade, evitando aglomeracións de vehículos. Por iso, o goberno local anunciará os desvíos nos paneis das principais estradas de chegada a Vigo.