O Bloque Nacionalista Galego de Vigo pediu este venres explicacións á Concellaría de Urbanismo polas irregularidades detectadas na concesión de licenzas na cidade.
Segundo denunciou o partido nacionalista nun comunicado, o goberno municipal “outorgou unha licenza abertamente ilegal” para unha parcela na rúa Puerto Rico. Por iso, o BNG reclamou á concelleira María José Caride que “rectifique esta decisión para desmentir as sospeitas dunha xestión urbanística á carta”.
“Esta licenza non pode outorgarse porque suporía unha actuación abertamente contraria ao dereito e un agravio comparativo indefendible con outros vigueses“, destacou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas tamén explicou que esta decisión “vulnera a suspensión automática de licenzas naqueles ámbitos nos que o novo Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) en tramitación modifica a anterior cualificación urbanística.
Así, desde o BNG consideran que esta parcela, situada nun ámbito tan “goloso especulativamente” como é a Praza de España, figura como chan urbano consolidado na PXOM de 1993, así como no Instrumento de Ordenación Urbanística (IOP) e o novo PXOM pasa a consideralo chan urbano non consolidado.
Tamén como parte dun Plan Especial de Reforma Interior (PERI), unha modificación que, tal e como sinalaron desde o BNG, en base ao propio acordo do Pleno, impide a concesión da licenza.
“A normativa urbanística é clarísima”, sentenciou Igrexas, quen asegurou que o Concello de Vigo ten que anular esta licenza ou “confirmará as sospeitas de que o goberno municipal de Abel Caballero fai unha xestión urbanística á carta”.
Así mesmo, o BNG reclamou a revisión de oficio de todas as licenzas concedidas desde a aprobación inicial da novo PXOM para “desmentir que existan máis casos similares”.
DENUNCIA DO PP
Todo iso prodúcese despois de que o portavoz municipal do Partido Popular (PP) de Vigo, Alfonso Marnotes, reclamase este pasado mércores na Xerencia de Urbanismo garantías das licenzas que se están concedendo ao amparo da aprobación inicial do Plan Xeral de Urbanismo (PXOM).
Para iso Marnotes esixiu un informe sobre a súa legalidade ante as “sospeitas” de que se puidesen estar a cometer irregularidades. Segundo expuxo o edil, están a concederse “autorizacións de edificación en ámbitos que o novo plan clasifica como chan urbano non consolidado, chan urbanizable e mesmo de vivendas en chan rústico”.
Neste senso, o portavoz ‘popular’ asegurou que a Lei de Chan é “moi clara”, non sen antes advertir da “inseguridade xurídica” que suporían eses permisos en ámbitos que cambian a súa clasificación.
Ademais, Marnotes, co obxectivo de “evitar problemas a futuro”, esixiu a Caride que avalase a lexitimidade das concesións, concretamente dúas promocións situadas na rúa Ramón Neto e na Praza de España.
CONCELLO DE VIGO
Pola súa banda, a concelleira María José Caride asegurou que “todas as licenzas concedéronse cos informes técnicos e xurídicos favorables, cumprindo o acordo plenario de aprobación inicial da PXOM.
“Este acordo de suspensión de licenzas está publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) de 15 de outubro do 2021. Parece mentira que o PP de Vigo non tivese tempo desde fai máis dun ano de ler o DOG”, criticou Caride.
“Parece mentira que o PP non coñeza dese acordo. Ademais, contou con todos os informes tanto técnicos como xurídicos preceptivos. Contouno o acordo de aprobación inicial, contouno o acordo de suspensión de licenzas e contárono os anuncios correspondentes deses acordos. Todos eses informes foron favorables”, sentenciou.