InicioSociedadeO sur de Galicia, sen helicóptero medicalizado desde o 1 de outubro

O sur de Galicia, sen helicóptero medicalizado desde o 1 de outubro

Así o denuncia a CIG, que censura a incapacidade da compañía para dispor doutra aeronave unha vez que, por contrato, se procedeu a retirar a anterior.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A CIG denunciou que o sur de Galicia carece desde a tarde do sábado de cobertura con helicóptero medicalizado, xa que se interrompeu o servizo desde a base de Ourense do 061 porque a empresa concesionaria non ten unha aeronave dispoñible para substituír a que foi retirada en cumprimento das condicións do contrato.

A central nacionalista realizou esta denuncia este luns a través dun comunicado no que explica que o funcionamento do helicóptero medicalizado de Urxencias Sanitarias 061 está interrompido desde as 17,00 horas do 1 de outubro, polo que a única aeronave operativa nestes momentos é a que ten base en Santiago.

Nun comunicado, a CIG asegura que a empresa concesionaria, Eliance, non dispón dun helicóptero para substituír ao que prestaba servizo en Ourense ata o sábado, xornada na que finalizaba a vida útil do aparello.

A central censura a incapacidade da compañía para dispor doutra aeronave cando esta circunstancia “era totalmente previsible” e considera “un parche que non resolve o problema” a habilitación dunha ambulancia medicalizada como solución ante a ausencia do helicóptero.

“É un parche que non resolve o problema xa que non cobre o ámbito de actuación do helicóptero nin garante os tempos de resposta”, sinalou o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, que incide en que a ambulancia medicalizada “xa era unha necesidade cando estaba operativo o helicóptero e seguirá séndoo cando se recupere o seu servizo”.

Así as cousas, a central nacionalista demandou a recuperación do helicóptero e que se manteña esta ambulancia medicalizada en funcionamento para dar cobertura a unha provincia na que, a pesar de contar cunha poboación “moi dispersa”, “só hai unha” dotación deste tipo.

Con todo, a CIG advertiu que a ausencia dun helicóptero medicalizado en funciomiento na base de Ourense afecta especialmente, ademais da a provincia ourensá máis aló da capital, ás zonas onde o 061 non conta con unidades de soporte vital avanzado terrestre.

“Pobos fronteirizos con Portugal, a montaña ourensá e lucense e zonas interiores da provincia de Pontevedra, ou o Baixo Miño, quedan desprovistas dun servizo de transporte medicalizado rápido co que contaban ata o día 1 de outubro”, denunciou Moreira, que censura a “evidente falta de previsión” das autoridades sanitarias por “non tomar medidas ante a empresa titular da concesión do servizo”.

Por todo iso, a CIG considera que a suspensión do servizo desde o 1 de outubro supón “un claro incumprimento do contrato” que obriga á concesionaria, Eliance, a ter operativo un helicóptero en Ourense durante os 365 do ano. Así as cousas, lembra que o incumprimento desta condición establecida nos pregos do contrato podería carrexar unha sanción de ata 6.000 euros.

ÚLTIMAS

Sanidade licita por 284.000 euros reactivos clave para transplantes no Hospital Meixoeiro

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), publicou no...

O PP de Vigo esixe a auditoría das contas de Bembrive mentres o Goberno local cualifica as acusacións de “falsas”

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, esixiu ao rexedor, Abel Caballero, que...

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab para o lanzamento dun novo satélite

Zona Franca renovará o seu apoio ao proxecto BIXO da UVigo SpaceLab, que pretende...

Catro tartarugas mariñas, rescatadas e trasladadas á UCI de Nigrán tras aparecer debilitadas no litoral galego

Catro tartarugas mariñas foron trasladadas á UCI das instalacións da Coordinadora para o Estudo...