Tres meses despois da explosión en Paramos (Tui), as axudas para que os veciños recuperen a súa vida normal non están alcanzando a altura das promesas realizadas nos días seguintes á traxedia.
En Marea pedirá que se faga efectivo o paquete de medidas anunciado polas distintas administracións e que, ademais, se corrixan algúns dos procedementos de axuda que están prexudicando aos afectados pola explosión.
Entre as peticións fundamentais está a de que as axudas que perciban os afectados sexan a fondo perdido e non teñan consideración fiscal. En Marea tamén solicitará a posta en marcha do plan de urbanización da zona afectada e unha reconsideración das axudas que non faga distincións entre primeiras e segundas residencias e inclúa os vehículos entre as propiedades a recuperar. Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, “o balance destes tres meses é un regueiro de anuncios non realizados ou realizados a medias”.
Os veciños de Paramos que percibirán axudas polas perdas de vivendas trala explosión estanse encontrando con que o cobro destas axudas suporá a perda en moitos casos dos complementos de pensións que están cobrando ao considerar facenda que as axudas son un ingreso económico.

Por este motivo, entre outras peticións, En Marea proporá a exención fiscal para as axudas económicas aos afectados pola explosión de maneira que non se considere o montante destas axudas un ingreso para os afectados.
O voceiro de En Marea sinala que o feito de que os afectados “teñan que tributar pola axuda que vaian recibir suporá que moitos deles renuncien a ela”. Villares non entende que unha axuda económica “destinada a indemnizar os danos causados poida ser entendida como un ingreso ou un enriquecemento”.
No mesmo sentido, En Marea considera que hai que respaldar as peticións dos afectados e reclamar as contías conforme as necesidades dos afectados e sen ter en conta os topes marcados porque na maior parte dos casos estes topes, 109.000 euros, “non chegan a cubrir máis que unha parte do valor do total do perdido”, sinalan.

Para En Marea tamén é necesario revisar o criterio que afecta aos casos de propietarios de segundas vivendas que, segundo a norma, perciben un porcentaxe moito máis baixo sobre o valor do perdido.
Para a formación que lidera Luís Villares é necesario que as axudas favorezan que os afectados recuperen na maior brevidade de tempo a situación máis semellante posible á que tiñan antes da explosión. Nas contías das axudas tamén se debería incluír o valor dos vehículos desaparecidos coa explosión, segundo o plantexamento de En Marea.
Tres meses despois de ter ocorrido o tráxico suceso, para En Marea é inaceptable que tanto a situación dos afectados como a da zona sexa a que é, “con problemas na xestión das axudas e sen que ningún dos planos de desenvolvimentos anunciados estean en marcha”.
Para En Marea é imprescindible que se poña en marcha o plan de urbanización de todo o territorio afectado pola explosión, posto que é necesario aplicar unha norma urbanística que permita a recuperación e mellora do espazo e evite e preveña situacións irregulares.

Este plan, segundo sinalou Villares “require da colaboración interadministrativa e ata agora non vimos a todas as administracións sentadas nunha mesa para establecer os termos para levar a cabo esa reconstrucción”.
Para a formación é tamén inasumible que, tres meses despois, ningunha administración asumise o desentullo da zona cando debería ter sido un dos primeiros labores a acometer sobre o territorio afectado, un traballo imprescindible para poder acometer calquera outra obra de recuperación.
En sentido similar se expresou o lider de En Marea, Luís Villares, denunciado que a tres meses da explosión “a Xunta se teña negado a poñer en marcha un plan de atención psicolóxica ás vitimas”.