Os axentes forestais de Galicia, en folga indefinida desde o día 1 de agosto mentres sofren uns “servicios mínimos” do 100%, manifestáronse hoxe en Vigo, seguindo unha ruta que partiu da Fonte dos Cabalos e 2,3 quilómetros despois chegou ao Monumento a Xules Venre, baixando por Gran Vía.
Desde o Comité de Folga insisten e que a negociación dun novo acordo non está pechada, pero este non será aceptado en caso de “non recoñecer a dignidade deste colectivo profesional”.
A manifestación contou co apoio de BNG, En Marea, PSdG (asistiron tanto o Secretario Xeral, Gonzalo Caballero, como o Deputado Abel Losada), Compromiso por Galicia, Agroma Sober, Esperta Monforte e concelleiros do PSdG en Vigo. A Federación Rural Galega (FRUGA) tamén fixo patente o seu apoio.
O apoio das asociacións ecoloxistas, como Amigos da Terra, Arco Iris, Verdegaia, Asociación Animalista Libera, ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) e ANABAM (Asociación Naturalista do Baixo Miño), e da Asociación Muiñeiros do río Tripes, tamén está presente nesta loita, así como o dos Concellos da Guarda, Nigrán, Fornelos de Montes, Tomiño, O Rosal, O Porriño, Pazos de Borbén, Marín…
o manifesto
No seu manifesto, denuncian que “a Xunta de Galicia, sen unha política forestal clara, dálle as costas ao patrimonio natural deste País. Os distintos gobernos do PP na Xunta de Galicia nunca puxeron en práctica o Plan Forestal, aprobado por consenso político alá polo ano 1992, nin está sendo quen agora de revisar, aprobar e por en práctica un novo plan que implique a posta en marcha dunha política forestal certeira e axeitada para Galicia”.

“Asemade, o acontecido o pasado 15 de outubro, como consecuencia dos aterradores lumes que asolaron parte do País, ten que marcar un punto de inflexión e facer recapacitar ó goberno da Xunta de Galicia. A combinación dun alarmante abandono do rural, escasa ordenación forestal e o reto do cambio climático está a provocar un novo e moi perigoso escenario onde xa non soamente son os bens de carácter forestal / ambiental os que corren perigo, é a mesma cidadanía deste País a que de facto corre perigo”, subliñan.
A súa denuncia defende que “o actual goberno da Xunta de Galicia, do mesmo xeito que non pon en valor os recursos naturais, despreza aos empregados públicos deste sector, negándolle sistemáticamente unha adecuada formación, habilitación de medios e regulación laboral para poder exercer, dun xeito adecuado, un servizo público de calidade á cidadanía deste país”.

Os Axentes Forestais, funcionarios públicos da Xunta de Galicia, teñen asiganadas por diversas lexislacións de carácter autonómico e estatal as funcións de policía e custodia do medio natural, o control da xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas de carácter continental, a xestión e ordenación dos recursos forestais e a concienciación en materia ambiental e da prevención e loita contra os incendios forestais.
Nesta última faceta, unha das súas funcións é a de exercer a función de Director Técnico da Extinción dos incendios, dirixindo e coordinando sobre o terreo toda a amalgama de medios das diferentes Administracións, entidades públicas e privadas que participan nas labores de extinción dun incendio forestal en Galicia.

“Por desgraza, o exceso de carga de traballo neste ámbito, que conleva un exercicio de alta responsabilidade e profesionalidade, non ten parangón con ningún outro homólogo a nivel
europeo”, subliñan os axentes forestais.
En folga indefinida dende o día 1 de agosto, están a exercela cuns servizos “mínimos abusivos e denunciados perante a Administración de Xustiza polas organizacións sindicais convocantes, xa que para o departamento de Medio Rural están tódolos integrantes do colectivo designados para cumprir servizos mínimos, sendo así conculcado o exercicio dun dereito fundamental”.

A orixe do problema, engaden, é que “os Axentes Forestais son “os do monte” e para o actual goberno o monte nunca foi unha prioridade. O actual goberno ten o monte abandonado, monte que supón as dúas terceiras partes do noso territorio e está chamado a ser un protagonista de primeira orde na calidade do noso medio ambiente e da nosa economía”.
riscos laborais
As queixas dos axentes forestais, por unha banda, refírense aos riscos laborais, algo xa denunciado a Inspección de Traballo nas catro delegacións.
Entre os incumprimentos, citan que non se lles informase aos axentes dos riscos do seu posto de traballo, agás aos que se encargan de tarefas concretas como a vespa velutina. Aseguran que tampouco se lles proporciona formación en materia de prevención dos riscos inherentes ás súas funcións, nin se lles formou en técnicas de afrontamento de condutas agresivas e conflitos nin en técnicas de captura de animais, coidados e forma de actuación.
Non se lles dotou de EPI contra eventuais riscos biolóxicos ou químicos aos que podan estar expostos e tampouco do material que establece o Plan, como luvas, lentes ou calzado axeitado.
Ademais, “na entrada e saída das granxas ou explotacións gandeiras non se toma ningunha medida hixiénica que minimice riscos de contaxio de enfermidades nin a súa exportación fora da explotación. Nin se colocan calzas, funda ou se realiza ningún protocolo hixiénico”, engaden.
“O persoal tamén carece de formación en riscos biolóxicos derivados da manipulación de animais e cadáveres de animais. Non se dotou a cada oficina de redes e útiles para manipular animais silvestres; no caso das serpes non hai pinzas axeitadas para manipulalas, así como luvas para evitar mordeduras no seu manexo. Non se formou os traballadores en técnicas de captura, coidados e forma de actuación”, subliñaron.
Tamén se denuncia que “non se estableceu ningunha medida concreta para evitar problemas de saúde ou accidentes debido a temperatura ou outras variábeis climáticas, polo que o persoal non ten formación nin información para prever un golpe de calor ou hidratarse axeitadamente; os vehículos non teñen cadeas ou sistemas para evitar escorregamentos na neve, e moitos deles levan rodas de estrada para circular polo monte; e tampouco se organiza o traballo tendo en conta os rigores climáticos, e moitas veces trabállase en solitario xa que non se cobren permisos, vacacións, baixas nin vacantes, o que minguou considerabelmente o cadro persoal”.
“O persoal carece de cascos para evitar golpes por caídas de obxectos na realización de tarefas concretas ou na entrada en instalacións como obras de estradas, vías e infraestruturas hidráulicas ou cortas de árbores. Tampouco ten formación en primeiros auxilios nin evacuación“, lamentan os traballadores.
Nos escritos presentados na Inspección tamén se lembra que” a pesar de que o persoal de conservación da natureza traballa só moitas veces, no medio natural e en situación de illamento, non esta prevista ningunha medida de seguridade para detectar un problema de saúde ocasionado durante a actividade laboral ou un accidente”.
Finalmente, denúnciase que “os axentes forestais e ambientais teñen entre as súas funcións a de dirección técnica de extinción, polo que existe unha asignación temporal de reforzo no verán dalgúns axentes dende o servizo de conservación da Consellería de Medio Ambiente cara ao servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural”.