InicioSociedadeAnpas de Vigo piden á Xunta reformular o modelo de comedor dos...

Anpas de Vigo piden á Xunta reformular o modelo de comedor dos colexios

Esixen establecer persoal técnico a cargo dos comedores e aumentar a contía que o Goberno galego achega para a comida de cada crianza.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e Comarca (Foanpas) pediu á Xunta que estableza persoal técnico a cargo dos comedores escolares públicos e insistiu na necesidade de aumentar a contía que o Goberno galego achega para a comida de cada alumno.

En rolda de prensa, representantes da xunta directiva de Foanpas subliñaron que o modelo de comedor ao que se debe aspirar en Galicia é aquel que conta con cociña nos colexios, xa que fornece comida “recentemente feita, con produto local e de primeira calidade”, diferenciándose dos comedores con catering. Con todo, este modelo implica certas funcións como a planificación de menús, tendo en conta aquel alumnado con alerxias, ou a elaboración e recepción de pedidos.

Na actualidade, o persoal de cociña está contratado como oficiais de segunda, polo que non lle corresponde realizar estes labores e son os equipos directivos os que teñen que asumir estas tarefas, a pesar de non ter “formación nin tempo” para iso.

Así, o novo decreto que pretende establecer a Xunta, segundo informan desde Foampas, non corrixirá esta situación, xa que os cociñeiros pasarán a estar na escala de auxiliar de cociña, polo que tampouco lles corresponderán estas funcións, que na maioría dos casos si fan debido a que si contan coa dita formación, aínda que non son remunerados por iso.

Por todo iso pediron á Xunta que reformule esta situación e que sitúe o persoal de cociña no rango de técnico, para que poidan realizar todos os labores. Ademais, lembraron que ano a ano varias sentenzas xudiciais recoñecen estes labores que xa realizan os cociñeiros e obrigan ao Executivo autonómico a pagar a diferenza de rango aos traballadores.

MÁIS ACHEGA POR ESTUDANTE

Iria Salvande, presidenta de Foanpas, tamén solicitou un aumento da contía que a Xunta achega pola comida de cada neno, xa que ata agora reparte 2,28 euros por menú, que inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa, ademais das reparacións e a reposición do enxoval, o cal consideran insuficiente desde a asociación de ampas.

Entre outros temas, tamén mostrou a súa preocupación ao Concello de Vigo, xa que aínda non se publicou a tramitación das bolsas de comedor do curso que vén, polo que as familias aínda non poden solicitalas.

Tal como explicou, anos anteriores esta solicitude podía facerse en maio ou xuño, e agora xa acabou o curso e non se puido facer. Desta maneira, urxiu ao Concello que a poña en marcha, xa que a resolución adoita dilatarse ata outubro nun ano normal, polo que este curso quizá chegue moito máis tarde, obrigando a familias necesitadas a anticipar ese diñeiro, do cal en moitas ocasións non dispoñen.

Na rolda de prensa tamén estiveron presentes José Novoa, en representación do persoal de cociña de comedores escolares, e Juan Carlos Abalde, representando a directivas de colexios, quen apoiaron as solicitudes de Foanpas.

ÚLTIMAS

A muller ferida no incendio baixo investigación do pasado venres continúa en estado grave

A Policía Nacional de Vigo continúa investigando, “con todas as liñas abertas”, o incendio...

Intervidos máis de 1.000 perfumes nun almacén de Mos por unha suposta infracción de contrabando

Axentes da Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra...

Detido en Vigo por roubar na casa dunha veciña hospitalizada que lle deixara as chaves

A Policía Nacional detivo un home por entrar na vivenda da súa veciña e...

Cae por un desnivel duns dous metros no centro de Vigo

Unha persoa resultou ferida na mañá deste luns tras caer por un desnivel duns...