InicioVal MiñorBaionaOs donos da discoteca Villa Rosa de Baiona enfrontan catro anos de...

Os donos da discoteca Villa Rosa de Baiona enfrontan catro anos de cárcere nun xuízo este mércores

Están acusados dun delito contra o medio ambiente e un de lesións polos ruídos que xeraba o local.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os donos da discoteca Villa Rosa de Baiona, un empresario e o seu fillo, sentarán este mércores no banco dos acusados do xulgado do Penal 3 de Vigo, tras tres adiamentos do xuízo por diversas razóns, acusados dun delito contra o medio ambiente e un de lesións, polos ruídos que xeraba o local, e enfróntanse a 4 anos de cárcere e multa de 84.000 euros.

A vista sinalouse inicialmente para abril de 2021, pero foi suspendida porque unha das partes non recibira toda a documentación do procedemento, e fixouse para outubro dese ano. Nese momento, tamén se suspendeu pola personación dun novo letrado e fixouse unha nova data, para febreiro de 2022.

Con todo, en febreiro, e tras negociacións infrutuosas para chegar a un acordo, a vista acabou por aprazarse novamente xa que, a falta de conformidade, non podía celebrarse o xuízo pola ausencia de varias testemuñas. Por iso, foi fixado para este mércores.

ACUSACIÓN PÚBLICA

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, “polo menos desde 2014” esta discoteca xeraba ruídos que excedían os límites legais e, a pesar das numerosas denuncias, mantivo a súa actividade. Así, as medicións realizadas entre 2014 e 2017 no exterior do local arroxaron resultados de máis de 70 decibeis (cando o máximo permitido eran 50) e as realizadas na vivenda dos denunciantes superaron con fartura os 40 decibeis (cando o máximo eran 30).

O local foi denunciado e o Concello de Baiona ordenou a suspensión da actividade e incoou expediente sancionador en 2015 polos ruídos, e tamén pola realización de certas obras sen licenza. Pero os avisos non deron resultado e, de feito, o propio consistorio foi instado polos tribunais a executar esa suspensión de actividade. Aínda que se precintou a discoteca, posteriormente reabriu tras emendarse as deficiencias detectadas.

PREXUDICADOS

Un matrimonio que vivía preto do establecemento iniciou unha batalla legal polos ruídos que tiña que soportar e que lles levaron mesmo a trasladar as súas fillas menores a casa doutros familiares cada vez que abría pola noite o ‘Villa Rosa’.

Ao longo de catro anos (acabáronse cambiando de domicilio en 2018) tiveron que soportar niveis de contaminación acústica que lles impedían descansar e que orixinaron un trastorno adaptativo asociado a “unha situación vital estresante”, segundo a Fiscalía. Así, padeceron insomnio, ansiedade, trastornos somáticos, etc., e quedoulles como secuela un trastorno neurótico.

DELITOS E PENAS

Por estes feitos, o ministerio público acusa os procesados dun delito contra o medio ambiente e un delito de lesións, e pide para cada un deles 4 anos de prisión e o pago dunha multa de 84.000 euros.

Ademais, pide que indemnicen a cada un dos prexudicados en 39.000 euros e lles paguen os gastos médicos nos que incorreron neses catro anos. Tamén solicita 4 anos de inhabilitación para exercer profesión no ámbito da hostalaría.

Por outra banda, para a sociedade creada por pai e fillo, e dona do local, a Fiscalía pide o abono dunha multa de 360.000 euros e o peche definitivo.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...