InicioVigo e contornaVigoA CIG responsabiliza ao Sergas pola "fuga" de sanitarios de Vigo

A CIG responsabiliza ao Sergas pola “fuga” de sanitarios de Vigo

Asegura que o Sergas non ampliará as prazas da área olívica, como apuntou.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Nova denuncia da Confederación Intersindical Galega contra a xestión da Xunta de Galicia. A CIG vén de se manifestar publicamente tras o anuncio do Servizo Galego de Saúde (Sergas) sobre a oferta de 15 novas prazas de medicina de familia.

Acontece que, de acordo co sindicato, a amentada ampliación non incrementa o cadro de persoal da área de Vigo por tratarse de vacantes que que quedaron sen cubrir a causa de xubilacións e traslados a outros centros

En consecuencia, inciden, o anuncio da Xunta non supoñerá unha mellora da calidade asistencial polo menos no que respecta ao número de traballadores que hoxe exercen na demarcación olívica. Dende a central sindical denuncian tamén que a modalidade de contratación prevista para estas novas incorporacións supón unha diferencia con respecto ás actuais, xa que obriga á realización de dúas gardas en PAC en condicións similares ao coñecido como “contrato de continuidade”, que contou no seu día coa oposición do persoal médico. “Este novo contrato fixo abre a porta a un novo modelo de atención primaria, sen negociar e pola porta de atrás”, censuran.

De aí que, fronte esta precariedade, a CIG-Saúde defende a convocatoria dunha oferta de emprego que permita cubrir todas as prazas vacantes e que “supoña a mellora das condicións laborais como o paso necesario para reverter o deterioro da atención primaria”.

Ao mesmo tempo, amosan a súa preocupación polo número de residentes de medicina de familia e comunitaria que marchan da área na que se formaron. “Uns/has porque se decantan por traballar en urxencias e outros/as porque marchan a outras áreas ou a outros servizos de saúde por considerar a contratación nesta área menos atractiva”. Neste senso, consideran que as diferencias de baremo e ofertas dentro do propio Sergas favorece a fuga de profesionais de áreas sanitarias como a de Vigo, na que a sobrecarga de traballo é maior ca noutras nas que as condicións de traballo son mellores.

“É preocupante que este ano no MIR, malia ampliar o número de prazas nesta especialidade, houbo máis de 200 prazas que quedaron desertas, nove delas en Galiza. Esta situación ten que servir para reflexionar, pero é obvio que entre as causas están as condicións laborais na atención primaria, que non se solucionan reducindo o orzamento”.

Tamén amosan a súa sorpresa pola recente decisión de retirar o segundo equipo médico do PAC da Guarda, “nunha zona como o Baixo Miño, golpeada pola falta de profesionais e na que se viron moi aumentadas as necesidades, máis cando estamos en datas nas que o incremento do turismo xustifica máis ca nunca reforzar a zona para que non se repitan imaxes tan duras como as que se puideron ver o venres pasado no Rosal”.

Ante esta circunstancia, a CIG redobra a súa aposta pola “estabilización” daquelas prazas que non son fixas; é dicir, por rematar coa interinidade de certos profesionais achegándolles a praza, ben sexa mediante oposición ou concurso de méritos. Para a CIG, este cambio permitiría mellorar as condicións laborais, “nomeadamente nas zonas rurais nas que pola distancia ao centro de traballo, a dispersión da poboación e o envellecemento da poboación está resultando máis difícil cubrir as prazas”.

ÚLTIMAS

Incautados en Tahití case 524 quilos de cocaína nun pesqueiro con base en Vigo

A Mariña francesa incautouse dun alixo de 524 quilos de cocaína atopado nun barco pesqueiro con...

Abel Caballero saca peito do feito no ano 2024, “o mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do 2024, "o mellor ano na historia...

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...