A Eurocidade Tui-Valença estase a promocionar dentro do stand xeral de Turismo Porto e Norte de Portugal. Pero amais tamén no stand da Red de Juderías de España. A BTL é a maior feira de turismo de Portugal, e reúne até este domingo aos profesionais do sector turístico pero tamén ao público en xeral.
Este xoves á tarde presentábase en Lisboa o proxecto “Río Miño, un destino navegable” promovido polas Eurocidade Tui- Valença e Salvaterra-Monçao, xunto a Turismo de Galicia e Turismo Porto e Norte de Portugal, do mesmo xeito que se fixo a finais de xaneiro en FITUR en Madrid. A Eurocidade Tui-Valença está a presentar tamén na BTL as novas guías con información cultural tanto de Tui como de Valença, as actividades financiadas con fondos europeos, e información de interese para as persoas que realicen o Camiño Portugués entrando a Galicia dende Tui. Esta nova publicación está xa dispoñible na Oficina de Turismo de Tui.
O Camiño de Santiago é outro dos atractivos turísticos nos que se fai fincapé nesta destacada cita, tendo en conta a posición estratéxica de Tui coma porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia. Tamén se da a coñecer o proxecto Unicidade que Tui leva a cabo de xeito conxunto con Valença e as actividades que se desenvolven ao longo da mesma.
Iniciativas que están sendo acollidas con interese polas autoridades, visitantes, e touroperadores. Tamén tivo lugar unha degustación gastronómica na que os peixiños e as pastas de améndoa elaboradas polas monxas Clarisas de Tui, estiveron presentes.
Amais Tui promociona o seu legado sefardí coma unha das cidades integradas na Red de Juderías de España que estará presente na BTL cun atractivo stand, no que dar a coñecer os atractivos e patrimonio dos municipios desta agrupación.