InicioPolíticaFernández-Tapias aposta por un PP vigués "sen vencedores nin vencidos", pero lamenta...

Fernández-Tapias aposta por un PP vigués “sen vencedores nin vencidos”, pero lamenta que Guerra non a chamou para felicitala pola vitoria

Reafirma o seu desexo de ser candidata á alcaldía para construír unha cidade que "non sexa só coñecida, senón tamén recoñecida".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A recentemente elixida presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, apelou este luns novamente á unidade do partido, a “traballar xuntos” para afrontar os retos futuros, e asegurou que, unha vez pasado o Congreso Local, non hai “vencedores nin vencidos”, aínda que admitiu que o seu opoñente no conclave local, o exconselleiro e senador Javier Guerra, non a chamou para felicitala tras a súa vitoria do sábado.

Fernández-Tapias subliñou que no PP de Vigo “non sobra ninguén” e que, nesta nova etapa, que pon fin a máis de dous anos de dirección por parte dunha xestora, hai que “traballar por un partido forte, unido e que asuma os retos, que son moitos”. Así, fixouse como principais obxectivos “ensanchar a base” do PP vigués, “recuperar o orgullo” de estar nas súas filas e “estar pegados á rúa” para trasladar o seu proxecto á cidade.

Cuestionada acerca de se recibiu unha chamada de Javier Guerra tras a súa elección como presidenta local do partido, Marta Fernández-Tapias respondeu cun conciso “non”, aínda que matizou: “Aquí non hai vencedores nin vencidos, gañou o PP e gañou Vigo. Temos que mirar adiante e construír, estender esta onda de ilusión”.

A tamén delegada da Xunta en Vigo confirmou que, en próximos días, reunirase co Comité Executivo para perfilar a súa directiva e as liñas de traballo do partido, e avanzou tamén a súa intención de manter un encontro cos catro concelleiros que forman o grupo municipal do PP no Concello (todos eles apoiaron a Javier Guerra no Congreso Local).

En todo caso, sinalou que quere “facer as cousas con calma, adoptar boas decisións para que non se volvan cometer os mesmos erros”. “Agora necesitamos calma, foi un congreso díficil”, apostilou.

CANDIDATURA Á ALCALDÍA

Marta Fernández-Tapias reiterou a súa intención de ser candidata do PP á alcaldía de Vigo. “Para iso me presentei á presidencia do partido, pero non depende de min”, afirmou, á vez que proclamou que non ten “medo ás urnas” e que a súa intención é configurar “un proxecto potente” para que o PP saia “a gañar” nas municipais de 2023.

Fernández-Tapias explicou que, na súa opinión, o goberno de Abel Caballero chegou a un “fin de etapa” e, “aínda que se fixeron algunhas cousas ben”, agora Vigo “necesita outra cousa”. Nese sentido, defendeu a necesidade de traballar para que sexa unha cidade “inclusiva, onde todo o mundo poida desenvolverse en liberdade, e que volva ser un puntal en industria, cultura,…”. “En definitiva, que Vigo non sexa só coñecida, senón tamén recoñecida”, sentenciou.

Fernández-Tapias imponse a Javier Guerra e chama á unidade como nova presidenta do PP de Vigo

ÚLTIMAS

Desmantelan en Mos unha festa rave

A Garda Civil de Pontevedra, a través do Grupo de Información da súa comandancia, informou sobre...

Rescatan a varios veciños dun edificio en chamas en Vigo

Os Bombeiros de Vigo rescataron a varios veciños dun edificio en Vigo no que...

Defensor do Pobo aproba a xestión de Vigo no incendio do edificio Alfonso X e critica á Xunta

O Defensor do Pobo emitiu un informe en resposta á solicitude de atención formulada...

OPINIÓN.- Vigo: Un plan de transporte para o futuro

A cidade de Vigo atópase nun momento crucial da súa historia. O crecemento desordenado...