InicioMovementos SociaisSobredo lembra os seus 'mártires', tres veciños asasinados pola Garda Civil na...

Sobredo lembra os seus ‘mártires’, tres veciños asasinados pola Garda Civil na loita contra os foros

O acto terá lugar o 28 de novembro, cando se cumpren 99 anos daquel día en que perderon a vida a tiros da Garda Civil Cándida Rodríguez, Xoaquín Estévez e Venancio González durante unha concentración de labregos e labregas que se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagaba rendas de foros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un ano máis, a veciñanza do lugar de Sobredo (Guillarei – Tui) volve homenaxear a Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis (Tui); Xoaquín Estévez, de Soutelo (Salceda); e Venancio González, de Budiño (Salceda), que foron asasinados cando a Garda Civil disolveu a tiros unha concentración de labregos e labregas que se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagaba rendas de foros.

Da man do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, a homenaxe a estas tres persoas, que hoxe seguen sendo símbolo de loita contra as inxustizas, terá lugar o 28 de novembro, cando se cumpren 99 anos daquel día en que perderon a vida.

“Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar no que a sociedade labrega galega é martirizada; unha sociedade agraria que loitaba pola plena propiedade da terra; único medio de sustento, nunha época de penuria e carencias ás que se trataba dar remedio coa emigración, naquela época a América; quedando as mulleres ao cargo da casa e familia”, sinala o Instituto nun comunicado. 

Unha delas, Cándida Rodríguez, representa o “papel protagonista da muller nas loitas sociais de comezos do século XX”, e, segundo o Instituto, “dá testemuñado o seu martirio en moitas da traxedias desencadeadas pola represión exercida nesa altura”.

PROGRAMA

O acto de homenaxe terá lugar ao pe do Monumento aos Mártires, da autoría do escultor Camilo Nogueira; obra levantada no décimo aniversario, en novembro de 1932; e dinamitada en xullo do 1936, nos primeiros días do golpe de estado franquista. Coa recuperación da memoria dos feitos, dende 1986, e a reconstrución do monumento, en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (asociacións culturais e comunidades de montes), realízase anualmente o acto conmemorativo aos Mártires de Sobredo.

Neste ano 2021, no domingo 28 de novembro, os actos desenvolveranse de acordo ao seguinte programa: concentración ás 11,00 horas na Carballeira de Sobredo, desprazamento ata o monumento ás 11,30 horas, presentación do acto por parte do IEAMSO e intervencións da poeta Marta Dacosta e o biólogo e ecoloxista Ramón Varela ás 12,00; e ofrenda floral no monumento ás 13,30 horas. A clausura do acto correrá a cargo do grupo de gaitas ‘Folieiros’.

ÚLTIMAS

“Tiven que vivir na rúa dentro dun coche, co meu fillo menor de idade e dous gatos”, di unha estafada

Un estafador reincidente, condenado ata en tres ocasiones por casos similares, asegurou que descoñece...

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...