A ruta de sendeirismo que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo (PDMM) programara para este sábado co obxectivo de dar a coñecer “a importancia paisaxística, ambiental e cultural” dos montes afectados por un novo parque eólico proxectado na comarca, topou coa prohibición das directivas das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Cela e de Ardán, en Bueu e Marín, respectivamente, e propietarias da maior parte dos terreos incluídos no itinerario desta marcha.
En senllos correos electrónicos enviados á Plataforma, advertiron que tanto o punto de inicio e finalización da ruta na área recreativa de Chans, como as pistas forestais e os bosques polos que discorrería son “propiedade comunal”, polo que ningunha das directivas dá a súa “autorización” para que se celebre, apelando ao artigo 88 da Lei de Montes de Galicia. Ademais, ambas as Comunidades advertiron que, no caso de que non se desconvocase a marcha, comunicaríano ás “autoridades” para adoptar “as medidas oportunas”.
A través dun comunicado, o portavoz da PDMM, Cándido Martínez, mostrou a súa “incredulidade” ante esta medida, argumentando que “nunca” nas rutas organizadas “se fixo un mal uso do monte ou se causou dano”, senón “todo o contrario”, referíndose ao labor divulgativo realizado e a denuncia de “verteduras, do mal estado dalgúns xacementos arqueolóxicos, curtas indiscriminadas de árbores autóctonas e eucaliptización, entre outras actividades perniciosas”.
Tras sumar máis de medio centenar de camiñadas durante a última década en numerosas paraxes naturais da comarca ameazados por algunha infraestrutura ou afectados por algunha agresión, trátase da primeira vez que a PDMM foi vetada. Ante o “escurantismo” por parte da Comunidade de Montes de Ardán e que a Plataforma “non é benvida” tampouco en Cela, Martínez anunciou a desconvocatoria da ruta.
A Plataforma cuestionou se a prohibición ten que ver coa “postura a favor” do parque eólico por parte das directivas destas comunidades que, segundo Martínez, poderían estar “a negociar os termos do contrato”. En caso afirmativo, xustificou que “non interese que alguén vaia a explicarlle á veciñanza in situ o enorme impacto no territorio e nas súas vidas que implicaría” a instalación dos aeroxeradores.
Así, “sen ambigüidades nin localismos”, engadiu, a PDMM “seguirá informando do pelotazo industrial que se está tramando” nos montes da comarca.
ÁREA DE DESENVOLVEMENTO EÓLICO
A empresa construtora ACS é a impulsora deste proxecto eólico entre os concellos de Bueu e Marín, incluído na área de Desenvolvemento Eólico (ADE) do Morrazo que, desde 1997, forma parte do Plan Sectorial Eólico de Galicia. Segundo a Plataforma, trátase dun plan “especulador e obsoleto que carece de cobertura xurídica por non publicarse integramente e non pasar a avaliación ambiental estratéxica no seu conxunto”.
Ademais de Bueu e Marín, as súas 4.300 hectáreas tamén abarcarían os concellos de Pontevedra, Vilaboa e Moaña. Aos 11 aeroxeradores que se proxectarían actualmente nas parroquias marinenses de Ardán e San Tomé de Piñeiro, máis as de Cela e Ermelo en territorio budetense, a PDMM alerta que habería que engadir outras dez localizacións para outros tantos muíños eólicos nas parroquias de Cobres e Vilaboa, xunto con San Xián de Marín.
No entanto, a ADE do Morrazo tamén contemplaba 14 aeroxeradores coas súas correspondentes pistas de acceso e subestación eléctrica no enclave de Pedras Negras, en Moaña, que finalmente foi desestimado.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, que fai dez anos foi unha das organizacións máis activas contra este último parque eólico, insistiu en que a “presión social” será “fundamental para botar abaixo” este novo proxecto e a ADE do Morrazo. De aí a campaña que este colectivo ambiental iniciara, comezando pola ruta de sendeirismo entre os montes de Cela e Ardán que finalmente se anulou, e unha segunda marcha programada para o 18 de decembro ata os altos de Paralaia e Chans de Ermelo, que tampouco se celebrará.
PERMISOS
Os responsables de ambas as directivas explicaron que “todo acto cultural e deportivo” ten que contar con solicitude previa ao Concello e á comunidade de montes correspondente. “Non temos problema en que se desenvolva a ruta, pero polo menos teñen que comunicalo á comunidade”, insistiu o presidente de Cela, Mario Lorenzo, argumentando que anteriores camiñadas por esta contorna “pasaron desapercibidas”, a diferenza da “difusión que tivo” esta marcha contra a ADE do Morrazo e o novo proxecto eólico previsto na comarca.
“O único que queremos salvagardar é a nosa seguridade, no caso de que pase algo, por iso, que polo menos nolo comuniquen”, engadiu Lorenzo, quen tamén acusou á PDMM de denunciar tallas de árbores realizadas en monte privado pero atribuídas a esta comunidade de montes.
“Non tiñan que desconvocar a ruta sen falar connosco, que non veñan de vítimas“, reprochou.
Pola súa banda, o presidente de Ardán, Carlos Pastoriza, esixiu que a Plataforma dispoña de “seguros de responsabilidade” e todos os requisitos legais “en regra” para realizar a ruta.
No entanto, ambos os directivos admitiron que desde a empresa promotora do parque eólico do Morrazo dirixíronse a eles para expor o proxecto. Mentres que en Ardán hai directivos a favor e en contra da súa instalación, Pastoriza precisou que decidirán os comuneiros nunha asemblea pendente de convocatoria. No caso de Cela, presentaron planos do terreo afectado que se atopa en terreo “particular”, segundo Lorenzo.