InicioEconomíaO Goberno galego segue apostando polo sistema de incineración de Sogama

O Goberno galego segue apostando polo sistema de incineración de Sogama

Autoriza a licitación do novo contrato para o mantemento da rede de plantas desta empresa por 24 millóns de euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

 A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama),  continuará co modelo de incineración. Por iso, acaba de licitar por un importe de 24.308.100 euros máis IVE o servizo de operación e mantemento da súa rede de plantas de transferencia, conformada por 20 instalacións distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego para dar servizo aos municipios limítrofes.

Este acordo, estipulado inicialmente para un período de 3 anos, poderá ser prorrogado de forma expresa ata un máximo de 5, cunha posible prórroga excepcional doutro ano máis.

O obxectivo último deste concurso, segundo a Xunta, “é que Sogama siga prestando, en igualdade de condicións e no marco dos principios de equidade e solidariedade, un servizo de calidade aos concellos adheridos ao seu modelo, evitando desta forma que as distancias que, nalgúns casos, poida haber entre estes e o seu centro de tratamento de Cerceda (A Coruña) representen algún tipo de limitación”.

Planta de Sogama en Cerceda
Planta de Sogama en Cerceda

A empresa pública defende o seu sistema porque, di, apostou no seu momento por poñer en marcha unha rede de plantas de transferencia “para solucionar a dificultade loxística que supoñía a elevada dispersión da poboación galega”.

Así, cre que todos os municipios da comunidade, con independencia das súas características e situación xeográfica, poden ter as mesmas prestacións e non ver incrementados os custos derivados da necesidade de percorrer nalgúns casos longas distancias para dar un correcto tratamento aos seus refugallos.

O labor das plantas de transferencia é precisamente o de trasvasar os residuos urbanos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade (40-43 metros cúbicos) aptos para seren transportados, por tren ou estrada, a longas distancias e nas mellores condicións de seguridade, hixiénicas e ambientais.

“Polo tanto, neste tipo de instalacións non hai almacenamento, manipulación ou tratamento de refugallos, contando, aínda así, coas medidas de protección ambiental máis exixentes”, defende a Xunta.

Sogama lembra que as súas plantas atópanse situadas en polígonos industriais e están conformadas por unha nave pechada que impide a emisión de ruídos cara ao exterior da instalación, equipos de aspiración e filtrado de aire nas tolvas de descarga, “o que evita a emisión de po e cheiros, e sistemas de depuración de augas”.

A primeira planta de transferencia en poñerse en funcionamento foi a de Vigo (Guixar), no ano 1995, incorporándose progresivamente as 19 restantes á infraestrutura industrial de Sogama: Corcubión, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela e Ortigueira, na provincia da Coruña; Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria e Becerreá, na de Lugo; Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda, na de Pontevedra; e Ourense (San Cibrao das Viñas) e a Rúa, na provincia de Ourense.

ÚLTIMAS

Colectivos de Vigo convocan unha protesta de urxencia ante o asalto á flotilla con dous vigueses a bordo dos que non se teñen noticias

Vigo acollerá este xoves 30 de abril, ás 20:00 horas, unha concentración no Paseo...

Sindicatos policiais denuncian en Vigo falta de persoal e unha comisaría “indigna”

Os sindicatos policiais SUP e CEP levaron a cabo este xoves unha concentración diante...

Caballero esixe explicacións a Rueda polas “mentiras” sobre o AVE Vigo-O Porto

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este xoves explicacións a Alfonso Rueda e...

En paradero descoñecido dous activistas vigueses a bordo da flotilla a Gaza, logo de seren abordados polo exército de Israel preto de Creta

O que debía ser unha misión humanitaria de solidariedade co pobo palestino converteuse nunha...