Os contaxios de Covid-19 seguen disparados por encima do milleiro por segunda xornada consecutiva en Galicia ao repuntar a 1.342, que implican 245 máis que o día anterior e máis do dobre que hai unha semana, mentres que os pacientes ingresados por este coronavirus aumentan a 96, ao sumar 17 máis, e os casos activos ascenden a 8.319. Pola súa banda, a taxa de positividade sobe ao 10%.
Concretamente na área de Vigo, que ata a xornada pasada non tiña pacientes Covid en UCI, agora hai un en críticos e 17 noutras unidades –sete máis-. As infeccións activas ascenden de maneira máis acusada nas de Pontevedra e O Salnés (+265) e Vigo (+254); seguidas das de Ourense (+188), Santiago e Barbanza (+159), A Coruña e Cee (+139), Lugo (+69) e Ferrol (+37) Deste xeito, continúa á cabeza de casos activos a área de Vigo, con 1.845.
En toda Galicia foron confirmados 1.253 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 171 máis que a xornada pasada, dos cales 269 corresponden á área de Vigo, a que máis aumenta a súa incidencia.
En canto á taxa de positividade das PCR en Galicia, esta aumentou lixeiramente a un 10% tras situarse nun 9% o día anterior, descender a un 8,6% o mércores despois de dispararse a un 13,2 por cento o martes e comezar a semana nun 8%. Así, segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galicia, ata a semana pasada, non superaba desde o 15 de febreiro.