A Universidade de Vigo, en colaboración coas empresas de servizos xerontológicas Saraiva, Activiza e Envita, puxo en marcha a ‘Cátedra ACP-Innova’ centrada na atención ás persoas maiores e que nace co obxectivo de “avanzar cara a un novo modelo de coidados, centrado nas persoas”.
A través do desenvolvemento de investigacións e intervencións en centros de maiores e da formación e a innovación neste sector, esta iniciativa pretende contribuír a “mellorar o modelo que levan a cabo os diferentes centros sociosanitarios, para mellorar o estado físico e psíquico e a calidade de vida desta poboación“, destacou este xoves o presidente desta cátedra, Jose María Cancela no acto de presentación do proxecto.
Cancela, director da área de Infraestruturas do Campus, estivo acompañado nesta comparecencia dos xerentes de Saraiva, Lucía Saborido; Envita, Noelia López; e Activiza, Ricardo Fra.
A cátedra ten entre as súas liñas de actuación a creación dun programa de captación de talento, a organización de actividades formativas ou o impulso dun sistema de bolsas de prácticas para alumnado e titulados.
Tamén contempla o desenvolvemento de proxectos e dun laboratorio de investigación e innovación, así como o fomento da transferencia e de iniciativas de cooperación público-privada, segundo se recolle no convenio asinado pola institución académica e as tres empresas que integran o grupo de Atención Centrada na Persoa (ACP)-Innova.
Como explicou Saborido, as compañías avogan por unha “personalización da atención” das persoas maiores, que teña como punto de partida “entender o que é realmente importante para eles” e orientar a partir disto as actividades que se desenvolvan nos centros.
Cancela sinalou que un dos labores desta colaboración será “analizar as propostas que se están levando a cabo nos diferentes centros e validalas para que sexan extensibles a outros”.
Pola súa banda, Noelia López incidiu en que o tres empresas impulsoras deste convenio constitúen “o tres patas” dun proxecto de “emprendimiento social”, no que a atención nos centros combínase coa “parte de formación e capacitación dos profesionais” que desenvolve Activiza.
Neste campo, Ricardo Fra destacou que a cátedra permitirá traballar na “validación da formación que estamos a levar a cabo” e que, no marco deste modelo centrado nas persoas, avoga polo “empoderamiento” dos equipos profesionais que traballan cun colectivo “que de aquí a uns anos vai ser o máis numeroso da sociedade”.
Envita, por outra banda, centra o seu labor no “desenvolvemento de ferramentas e solucións dixitais que favorezan que as organizacións poidan aplicar esa atención centrada na persoa”, ámbito no que os investigadores da Universidade poderán contribuír tamén ao desenvolvemento de innovación vinculadas á atención sociosanitaria personalizada.
Este acordo, engadiu Cancela, permitirá impulsar “diferentes intervencións”, como un “programa de innovación” vinculado ao uso da “realidade virtual inmersiva” para promover a práctica de actividade física e a mellora da saúde de persoas maiores, que “xa está a funcionar” e no que participan investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia.
Do mesmo xeito, a cátedra, “aberta á participación de grupos de investigación do tres campus” da Universidade de Vigo, tamén contempla a creación dun “living lab” que implique a participación de institucións, usuarios dos centros para maiores, empresas e investigadores.