Desde que comezou a cursar o Grao en Bioloxía na Universidade de Vigo no curso 2011-2012, Artai Santos López (Vigo, 1993) participou todos os veráns en escavacións paleontolóxicas, principalmente en Aragón e Castela.
Chegado o terceiro curso e baixo a tutela de Rafael Royo, o estudante vigués realizou as súas prácticas na Fundación Paleontológica Teruel-Dinópolis, onde tivo ocasión de escavar e estudar en Teruel a flora fósil do xacemento de Las Zabacheras para o seu Traballo Fin de Grao (TFG), que presentou no curso 2014-2015 co título Estudio del registro paleobotánico del yacimiento “Las Zabacheras” (Galve-Teruel).
Tres anos despois, e con novas achegas, froito de escavacións realizadas durante este período polos propios investigadores da Universidade de Vigo, da Universidade Nacional Autónoma de México e da Universidade Chuo de Xapón, xunto á Fundación Dinópolis, o TFG do estudante da Universidade de Vigo converteuse nunha parte do artigo científico Palaeobotanical records associated with the first dinosaur defined in Spain: Palynostratigraphy, taxonomy and palaeoenvironmental remarks, recentemente publicado pola revista Cretaceous Research.
“O meu TFG é unha parte do artigo científico que acabamos de publicar, concretamente o estudo da macroflora atopada en Las Zabacheras. Non obstante, foi necesario cambiar certas cousas e engadir outras, xa que un TFG ten unhas características diferentes ás que esixen as publicacións científicas”, explica Artai Santos.
Para este traballo, ademais da macroflora tamén realizaron análises palinolóxicos do xacemento, concretamente do nivel de Aragousaurus ischiaticus, o primeiro dinosauro definido en España, “permitindo xunto coa macroflora, unha reconstrución máis completa das comunidades vexetais que habitaba este saurópodo, do seu contexto ecolóxico e ambiental, así como unha datación estratigráfica máis precisa”.
Os resultados dos estudos dos fósiles de plantas publicados na revista científica céntranse en dous tipos de restos: 1298 mostras de graos de pole e esporas, que tras un proceso de mostraxe e separación do sedimento, estudáronse utilizando un microscopio electrónico de barrido, e 712 restos de follas de plantas, que se conservaron impresas nas rochas.
Un Teruel do Xurásico-Cretácico “a pé de praia” hai 145 millóns de anos
A macroflora descrita en Cretaceous Research, que xa fora detallada polo investigador vigués no seu TFG, identifica fundamentalmente fentos leptosporanxiados, algúns como Eboracia lobifolia de porte arbóreo (fentos leñosos e grandes coma árbores), adaptados a temperaturas relativamente cálidas e elevados niveis de humidade nun sistema deltaico con influencia mariña, “polo tanto o Teruel do Xurásico-Cretácico estaría ‘a pé de praia’ e cun clima tropical-subtropical”, explica Santos.
“Entre macro e microflora identificamos 49 especies botánicas diferentes, principalmente pteridofitas e ximnospermas, pero tamén atopamos un gran de pole de Tucanopollis, que é unha anxiosperma, as coñecidas como plantas con flor, que hoxe en día son o grupo dominante, pero que eran moi escasas no tránsito Xurásico- Cretácico”, detalla o investigador.
Precisamente o estudo desenvolvido polos científicos da Universidade de Vigo, xunto cos paleobotánicos Uxue Villaneuva da Universidad Nacional Autónoma de México e Luis Miguel Sender da Universidade de Chuo, e os paleontólogos de Dinópolis, tamén permitiu realizar unha datación estratigráfica máis precisa das comunidades vexetais que habitaba o Aragosaurus.
“O último artigo publicado sobre este saurópodo defendía que a súa idade era Berriasiense tardío-Valanxiniense (Cretácico Inferior). Cos datos que achegamos, interpretamos que a idade máis probable é o Berriasiense basal, practicamente no límite Xurásico-Cretácico, hai uns 145 millóns de anos”, detalla Artai Santos.
Achega viguesa ao estudo da paleobotánica
Na provincia de Teruel, Bienvenido Díez e Artai Santos traballan en varios xacementos, de diferentes idades, no caso do primeiro, e nos do Xurásico no de Santos. “Nós estudamos fundamentalmente a macroflora e a palinoflora que permite, por unha parte, realizar a reconstrución das comunidades vexetais de cada momento, así como os contextos ambientais e climáticos, o cal é un gran máis de area para mellorar a compresión do pasado biolóxico e xeolóxico da Península Ibérica”, explica o estudante vigués, que defende a paleobotánica como unha magnífica ferramenta para realizar datacións.