InicioSociedadeComuneiros de Tameiga insisten que as obras da cidade deportiva do Celta...

Comuneiros de Tameiga insisten que as obras da cidade deportiva do Celta son ilegais

A asociación celebra que o xulgado considere ilegais as obras do Celta en Mos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Comunidade de Montes de Tameiga, en Mos, celebrou o fallo do xulgado do Contencioso Administrativo 3 de Pontevedra, que consideran que “tomba” a cidade deportiva do Real Club Celta, cuxas instalacións foron construídas en chan rústico na parroquia mosense de Pereiras.

O fallo do tribunal obriga ao Concello de Mos a revisar a licenza para construír os campos de adestramento, ao considerar que dita autorización debía outorgarse ao amparo dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas (que non se fixo), e anula unha licenza posterior, para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares, ao considerar que todo o complexo forma un único conxunto.

A sentenza baséase no feito de que as obras realizadas non se corresponden cunhas meras instalacións deportivas ao aire libre, senón que son equipamentos deportivos privados, e de maior entidade, polo que a súa construción non pode facerse cunha simple licenza municipal directa.

A Comunidade Montes de Tameiga mostrou a súa “satisfacción” pola resolución da xuíza, que estimou o recurso que presentaron contra os acordos de xunta de goberno que desembocaron na concesión das licenzas, e insistiron na “ilegalidade” das devanditas obras.

Os comuneiros incidiron en que a cidade deportiva do club celeste “carece de cobertura legal”, xa que o Plan Especial de Infraestruturas que o goberno local presidido por Nidia Arévalo “tentaba tramitar de modo ‘exprés'” foi informado desfavorablemente pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Así, a entidade felicitou a todos os veciños polo seu “tres anos de loita”, e por non ceder “ás ameazas, insultos e á campaña de fustrigación” levada a cabo pola rexedora, “principal promotora deste despropósito urbanístico”.

Finalmente, trasladou o seu desexo de que esta sentenza sirva de exemplo “para todos aqueles que, desde as administracións, pensan que poden obrar por encima da lei, e ás empresas que operan con tan malas prácticas como as do presidente do Celta, Carlos Mouriño”.

PETICIÓN DE DIMISIÓN DE NIDIA ARÉVALO

Pola súa banda, o PSOE de Mos esixiu a dimisión de Nidia Arévalo “por perpetrar a maior ilegalidade urbanística da historia recente de Galicia“. “Na súa obsesión, a alcaldesa levouse por diante a tres concelleiros de Urbanismo e arrastrou ao presidente da Xunta a unha inauguración escandalosa”, sinalou a portavoz socialista, Vitoria Alonso.

Segundo denunciou, a rexedora “avergoña e mancha o nome” dese municipio e “o único que pode facer” tras a sentenza “é marcharse canto antes, antes de ter que facelo por obrigación legal”.

A portavoz socialista apuntou que o ocorrido coas dúas licenzas “exprés” foi “unha crónica xudicial anunciada” e anunciou que non descarta acudir á Fiscalía “para que impulse un procedemento penal contra Arévalo”, ademais de estar a preparar unha denuncia “pola afección dos campos de fútbol e os vestiarios aos sistemas de abastecemento de auga veciñal”.

Finalmente, criticou a inauguración das instalacións do Celta, “tristemente encabezada” por Alberto Núñez Feijóo, que foi “involucrado nun asunto moi feo”, e denunciou que o Concello de Mos tamén tivo a “desvergoña” de organizar varios actos nesas instalacións “irregulares”.

ÚLTIMAS

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...