InicioMovementos SociaisDía 7 en Lesbos: O vergoñento cemiterio dos Sen Nome, da illa...

Día 7 en Lesbos: O vergoñento cemiterio dos Sen Nome, da illa que non podía absorber máis cadáveres

PUBLICADO O

- Advertisement -

Pouco a pouco, avanzan os días na illa de Lesbos. Os nosos elefantiños levan xa unha semana en terras gregas, axudando todo o que poden e descobrendo tamén vergonzas escondidas cos seus propios ollos. Ao final do artigo, o índice dos capítulos para visitar calquera de eles.

Os mércores, PROEM-AID leva a cabo o Proxecto Auga (para perderlle o medo ao elemento despois dunha experiencia traumática) con mulleres do lugar, e Berto e María aproveitaron para “ir por libre”.

Berto e María pasáronse de novo pola Movil Kitchen de Julio. “Leva días esperando un camión de alimentos que non dá chegado. A burocracia non entende de fame”, lamentan. E de novo tamén no Welcome Home de Katherina e Nikos: “Alí sempre hai xente, vaias á hora que vaias”. Distintos proxectos cun espírito común.

“vergonzas que non divulgan os medios”

Desta volta, atoparon un grupo de mulleres procedentes do campo de Moria coas que están facendo un proxecto: “Xúntanse nese espazo e as voluntarias apréndenlle a facer brazaletes con fíos, píntanse as unllas e, a fin de contas, recuperan unha normalidade que para nós pode ser rutina, pero para elas é indispensable”, subliñan os Elefantes.

Preto da Welcome Home, nunha pequena vila chamada Kato Tritos, atópanse outra desas “vergonzas que non divulgan os medios”. É o Cemiterio dos “sen nome”, unha parcela á que lle arrincaron ás oliveiras para crear un camposanto improvisado.

Cemiterio da vergonza / Elefantes de Papel

“Durante o 2015 e 2016 Lesbos recibía cada día centos de almas buscando un futuro lonxe das bombas. Moitas delas quedaron polo camiño e as aguas devolvéronnas á costa como lembranza da nosa desidia”, subliñan María e Berto.

“Chegou un momento en que a illa non era quen de absorber o volume de cadáveres” e, “coma sempre, unha persoa, Mustafa Dawa, decidiu darlles unha sepultura digna. Tratábase dun grego de oríxe exipcia que non dispuña de moitos recursos, pero si dalgo moito máis valioso: as ganas de axudar, a empatía”.

Foi unha viaxe complexa porque “o lugar está moi agochado. Nin o Google Maps quere saber del, así que, entramos na vila e no primeiro ultramarinos que vemos, preguntamos. A muller que o rexenta entristece a mirada cando sabe do noso destino, pero non o pensa”. Para quen queira coñecer máis información do lugar, deixaron un vídeo na súa páxina de Facebook.

Retornando ao acontecido en Lesbos, Stratoula, a dona da tenda de ultramarinos, pechou, colleu unha vella moto e acompañou aos nosos, que recoñeceron: “Pola nosa conta nunca o teriamos atopado”.

Berto e María xunto con Stratoula, a dona do ultramarinos que os acompañou ao cemiterio/ Elefantes de papel

“A entrada do cemiterio péchase ante nós cun cadeado e un enreixado. Trepamos por ela e a impotencia québranos”, relatan.

Aínda recordan como “sobre o chan, túmulos de terra érguense encabezados por modestas lápidas; moitas sen nome, o resto, con escasos datos que nos axudan a visualizar o horror: cativos de tres anos soterrados xunto ás súas nais, irmáns, avós… Pagaron coa vida o sono de comezar de novo”.

Pero a baixeza humana, lamentan, aínda pode ir máis alá: “Alguén lle prendera lume non había moito e por iso estaba pechado”.

“Como sabedes, a Extrema Dereita campa ás súas anchas por Europa adiante cada vez con máis forza. Aquí en Mitilene, concéntranse nunha praza unha vez por semana defendendo unha pureza que cheira a merda. Son asasinos para os que non hai pena dabondo escrita nas leis. Algún día recollerán os froitos do veleno que están sementando“, defenden.

Como querían agradecerlle á muller da tenda o seu xesto, achegáronse de novo onda ela, e tras unha agradable charla, fixeron allí a compra. Cando remataron, os agasallou cunha bandexa de produtos da súa horta. “Chámase Stratoula e, como adoita pasar nestas terras a cotío, ensínanos que o ser humano é capaz do mellor e do peor”.

ÍNDICE

CAP 0: Entrevista a María e Alberto antes da viaxe

CAP 1: Curando aos nenos o trauma do mar

CAP 2:  “O lixo acumúlase ás portas. O cheiro é indescriptible”

CAP 3: “Refuxiados é un eufemismo, esta xente non ten refuxio”

CAP 4: “Unha broma macabra”

CAP 5: “A importancia de sentirse realizado”

CAP 6: “A Policía entrou pola noite no campo repartindo paus e gases lacrimóxenos”

ÚLTIMAS

Vigo destinará 468 millóns ao novo contrato de bus urbano, que comezará en 2026 e durará 9 anos

O Portal de Contratación do Estado publicou o anuncio previo do expediente de contratación...

Ferido un septuaxenario en Mos despois de que o seu fillo o asperxese con gasolina e lle prendese lume

Un home de 78 anos de idade resultou ferido na tarde deste pasado luns...

O acusado de abusar do fillo da súa parella en Vigo négao: “Xamais, (…) a súa nai mataríame”

Un home xulgado en Vigo por un suposto delito continuado de agresión sexual ao...

O goberno municipal confirma que o novo PXOM de Vigo necesita algunhas “correccións rápidas” antes da súa aprobación definitiva

O goberno municipal de Vigo deu conta este martes, no Consello da Xerencia de...