Xornal de Vigo trae 5 cancións cheas de polémica para debater cos nosos lectores e lectoras sobre a liberdade de expresión. Son pezas de Ilegales, Radio Futura, La Polla Records, Vulpess e Siniestro Total.
É de sobra coñecida a falta de liberdade para a expresión, tanto individual como colectiva, vivida durante a ditadura franquista. Tras acadar a democracia, experimentouse en toda España unha explosión de creatividade e tamén irreverencia durante a época dos 80 e 90, a archi-coñecida “Movida”.
Nesa época, as liberdades chegaron de golpe, algo que por suposto tivo algunhas contrapartidas negativas, como foi o auxe das drogas, polas que moitas persoas viron morrer a amigos e familiares.
Parece claro que dende aquela fomos poñendo límites a aquela insubordinación por diversas razóns, tamén no que respecta á liberdade de expresión. O debate, por suposto, continúa aberto e sempre o estará, xa que segundo a ideoloxía persoal estes límites poden entenderse dun xeito moi distinto.
Nos últimos tempos, movementos políticos e sociais, por causas do máis diverso, están poñendo freo a certas expresións. Por un lado, temos casos como o da condena do rapeiro Valtonyc a 3 anos e medio de cárcere, pola a que exiliouse a Bélxica, ou a dun dos membros de Def con Dos por uns tuits de 2013 mofándose de Carrero Blanco. Tamén estarían Sociedad Alcohólica, acusados de enaltecemento do terrorismo (aínda que finalmente foron absoltos), entre outros tamén perseguidos pola xustiza.
Por outra banda, censúranse publicamente certas cancións e artistas, por ir en contra do progreso social. Polo tanto, líderes políticos ou asociacións están nos últimos tempos tentando eliminar dos lugares públicos cancións de éxito acusadas de divulgar valores morais inapropiados, como “Despacito”, “Súbeme la radio” ou “Cuatro babys”, de Maluma, acadando case cen mil firmas en Change.org para a retirada de You Tube do vídeo desta canción “por apoloxía á violencia contra as mulleres”. Incluso houbo peticións para que fora investigado o autor por apoloxía da violencia de xénero.
Parte do debate estaría, por suposto, non só na bondade ou maldade de certos temas, senón na capacidade ou non da masa social, en especial dos máis novos, de reflexionar sobre o que lles rodea e as mensaxes que lles chegan a diario.
5- “Eres una puta”- Ilegales
A petición de Change.org sobre Catro Babys de Maluma expresaba o seguinte:”A figura da muller aparece representada como un ente sen poder de decisión, que unicamente existe para compracer as necesidades físicas dun grupo de mozos virís con diñeiro. Elas non elixen, son elixidas única e exclusivamente polas súas virtudes sexuais”.
E defendía que “este comportamento -crer que as mulleres só existen para compracerche- fóra da pantalla debería ser causa de cárcere. Por favor, freemos isto. Impidamos que se lles de soporte a este tipo de contido en canles de difusión masiva. A lexitimación destas mensaxes, os amplifica (…) Non me considero unha activista, tan só unha persona más que se sentiu “vulnerada” e “indefensa” ante a escoita desta canción que -como tantas otras- está a fomentar que se normalicen actitudes e mensaxes moi duros contra as mulleres”.
Pero o que distingue á canción da Maluma doutras miles é ser o último éxito, polo que no caso de eliminar este tema, por xudisprudencia, deberían de eliminarse centos. Como exemplo, esta canción de Ilegales, “Eres una puta”, cunha mensaxe semellante: “Eres una puta, pero no lo bastante (…) Todo ese culo, lleno de peligros. Vámonos al water, haremos un guateque, encima del retrete (…) Mueves bien el culo, cuando estás borracha”.
4- “Corazón de tiza”- Radio Futura
Seguindo a mesma liña de argumentación, unha das cancións máis celebradas do pop español, “Corazón de tiza”, dun grupo tan famoso como Radio Futura, podería ser considerada unha apoloxía da violencia, a fin de contas a letra desta canción de amor repite numerosas veces que “y si te vuelvo a ver pintar un corazón de tiza en la pared, te voy a dar una paliza por haber escrito mi nombre dentro”.
3-“Moriréis como imbéciles”- La Polla Records
Son coñecidas as condenas por facer mofa do asasinato de Carrero Blanco, en xeral criticadas e dende logo polémicas. Aquí, La Polla Records ataca aos heroes nacionais: “Mierda de héroe mutilado, mierda de héroe radioactivo, mierda de héroe muerto. Moriréis como imbéciles”.
2- “Me gusta ser una zorra”- Vulpess
Esta canción é cando menos explosiva. Dende logo recolle o espíritu de Iggy Pop (é unha versión do seu “I wanna be your dog”, fenómeno punk). Aquí a cantante, tras definirse como “unha zorra”, non só rexeita todo tipo de amor, mandando a tomar polo cú de forma literal a quen se achegue, senón que afirma que ela só “fode” con executivos de diñeiro e que quere “meter un pico en la polla a un cerdo carroza que se llama Lou Reed”.
1- “AYATOLAH!”- Siniestro Total
Os Siniestro Total son ben coñecidos polo seu canto de amor á terriña “Miña terra Galega”, pero en realidade posúen un repertorio que, de ter saído hoxe en día, se cadra non poderían tocar en moitos sitios, quizais tampouco onde o ceo e sempre gris. Recordemos que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anulou un concerto de Slayer acusándoos de “apoloxía nazi”.
Cun concepto moi claro pola apertura da liberdade de expresión, Siniestro Total cantaron sobre matar a unha muller infiel (“Hoy voy a asesinarte”), o consumo de drogas (“Todo por la napia”), a homosexualidade ou a prostitución. Aquí chancearon sobre o terrorismo islamista: “Ayatolah, no me toques la pirola más”. Dende logo, non deixan indiferente a ninguén.