InicioConsternación en Ponteareas tras a morte do ex rexedor, Xosé Represas

Consternación en Ponteareas tras a morte do ex rexedor, Xosé Represas

O Concello decretará tres días de loito oficial. As 14:15 terá lugar un minuto de silencio diante da Casa do Concello.

PUBLICADO O

O equipo de goberno do Concello de Ponteareas vén de amosar a súa tristura e a súa profunda dor polo falecemento do exalcade Xosé Represas. Así mesmo, vén de convocar un pleno extraordinario e urxente para as 14:00, no que se decretarán tres días de loito oficial. Ás 14:15, tralo remate do Pleno, celebrarase un minuto de silenzo diante da Casa do Concello.

O executivo ponteareán amosouse consternado coa nova e destacou a entrega de Represas como alcalde ao servizo de Ponteareas e da súa veciñanza, así como a súa capacidade e a súa vocación de servizo público. Así mesmo, o goberno local salientou a súa traxectoria política e social e o seu compromiso na procura dunha sociedade mellor, que o levou hai décadas a ser un dos impulsores da recuperación dos montes veciñais.
Represas foi unha persoa entrañábel, querida e apreciada por toda a veciñanza, por enriba das ideoloxías”, sinalan dende o Concello nun comunicado.

Represas decidiu deixar a alcaldía a comezos de ano polo seu estado de saúde. O BNG designou para sucedelo na alcaldía á edil Cristina Fernández que, xustamente, asumiu o cargo, hai uns días.

Xosé Represas Giráldez, natural da parroquia de Xinzo, era Diplomado en Empresariais pola Universidade de Vigo e traballou durante décadas nunha entidade financeira en Ponteareas. Foi membro da Corporación Municipal nos anos 1999 e 2000. Posteriormente, no ano 2007, accedeu novamente á Corporación, sendo concelleiro até a súa recente renuncia por motivos de saúde. No 2015 asumiu a alcaldía da localidade, que revalidou nas eleccións municipais 2019. Foi directivo da Comunidade de Montes de Xinzo e do seu Centro Cultural. Ocupou ademais o cargo de Presidente da Asociación Forestal de Galicia.

CONDOLENCIAS E RECOÑECEMENTOS

Nada máis transcender a noticia, sucedéronse as condolencias. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tivo palabras de recordo ante unha “noticia moi triste” e “palabras de alento” para os seus familiares e amizades.

Así, fixo un “recoñecemento” a “unha gran persoa, traballadora, honrada e que deu o mellor de si por Ponteareas”. Ademais, destacou que abriu “unha etapa de esplendor e democracia” neste concello e “traballou sempre con Galicia no corazón”. “Desde aquí o meu recoñecemento”, sentenciou.

Tamén enviou un comunicado a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quen quixo mostrar as súas condolencias e mostrar que ambos traballaron xuntos coa “máxima lealdade e colaboración” co ex rexedor. Tamén enviou un “forte abrazo” ás súas familias e achegados.

A Deputación de Pontevedra
tamén expresou a través das redes sociais a súa pesar pola perda de Represas, unha dor á que tamén se sumaron outras formacións e representantes políticos como a presidenta pontevedresa, Carmela Silva, ou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...