InicioPolíticaXosé Represas deixa a Alcaldía de Ponteareas que podería asumir Cristina Fernández

Xosé Represas deixa a Alcaldía de Ponteareas que podería asumir Cristina Fernández

O nacionalista alega motivos de saúde. O BNG aposta pola tenente alcalde Cristina Fernández coma sucesora.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Alcalde de Ponteareas, o nacionalista Xosé Represas, presentou a súa renuncia na mañá deste xoves por razóns de saúde. Represas estaba de baixa por enfermidade dende o pasado mes de decembro, ocupando a alcaldía dende entón a primeira tenente de alcalde, a nacionalista Cristina Fernández Davila.

Por iso, o BNG proporá que a nova alcaldesa sexa Cristina Fernández Davila, actual primeira tenente de alcalde, quen compartiu responsabilidades de goberno con Represas dende 2015. A formación nacionalista salientou a experiencia e a capacidade da que, previsiblemente, será nova alcaldesa de Ponteareas quen, co resto do grupo municipal, seguirán dando resposta coa mesma ilusión e capacidade aos retos do Concello.

“Durante as últimas semanas Xosé Represas e o Grupo Municipal do BNG viñeron traballando con intensidade no seu relevo para que o proxecto político do BNG e a acción de goberno continúe con eficacia nos dous anos que restan do actual mandato”, apuntan os nacionalistas nun comunicado.

A formación nacionalista expresou a súa tristura e o seu pesar pola renuncia de Represas, a quen transmitiron “todo o ánimo e alento para continuar enfrontando o seu estado de saúde coa coraxe e a forza que veu demostrando nestes meses”.

Ademais, os nacionalistas eloxiaron a figura de Represas ao fronte do Concello dende o ano 2015. “O goberno presidido por Xosé Represas marcou un antes e un despois na historia política de Ponteareas, supuxo un novo xeito de gobernar”, salientou o BNG. “Represas destacou pola súa capacidade, a súa entrega a Ponteareas e á súa veciñanza e o seu talante dialogante e conciliador”, engadiu a forza nacionalista.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón tamén transmitiu o seu recoñecemento á “traxectoria exemplar de Xosé Represas, o primeiro alcalde nacionalista da historia de Ponteareas” e desexoulle o seu restablecemento.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...