InicioMovementos SociaisCoruxo enfróntase ao SERGAS e esixe o mantemento do servizo de pediatría

Coruxo enfróntase ao SERGAS e esixe o mantemento do servizo de pediatría

PUBLICADO O

- Advertisement -

O barrio de Coruxo non consinte escusas nin permite concesións ningunhas. Deste xeito, saíron á rúa esta calurosa tarde de sábado en defensa do servizo de pediatría como dereito aos que os centos de nenos da parroquia non queren renunciar.

A Asociación de Veciños de Coruxo, en nome da veciñanza afectada, xa denunciara ante o Valedor do Pobo o peche deste servizo, que atende a máis de mil nenas e nenos das parroquias de Saiáns, Oia, Comesaña e Coruxo no Concello de Vigo.

Segundo a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, o servizo permanecerá noutro Centro de Saúde. Nomeadamente, o Centro de Saúde sito en Navia. Isto non fai senón incrementar as dúbidas da AV de Coruxo, posto que este centro “está xa saturado pola recente centralización de servizos en favor deste”.

Concentración pediatra en Coruxo/ Miguel Núñez

Todo isto, en liña co xa denunciado polas asociacións de veciños do barrio de Navia, que demandan máis servizos ante o continuo aumento de habitantes da rúa Teixugueiras, cunha pirámide poboacional inédita en Galicia na que destaca o gran número de menores de idade.

A futura ampliación na oferta de vivendas prevista para os vindeiros anos neste barrio, unida á absorción do servizo agora facilitado no Centro de Saúde de Coruxo, aseguran dende a AV de Coruxo que “implicaría un incremento non asumible”.

Engaden ademais dende a devandita asociación veciñal que “a área sur de Vigo é unha zona de carácter periférico e semi-rural que conta con conexións de transporte público máis limitadas ca no centro da cidade. Por isto, o traslado do servizo ao Centro de Saúde de Navia implicaría grandes dificultades para os residentes en Oia e Saiáns, que non terían un transporte urbano directo cando na actualidade poden chegar en menos de 10 minutos coa liña 11 de autobús”.

Concentración pediatra en Coruxo/ Miguel Núñez

Recalcaron ademais que é unha historia que está a repetirse: “Cómpre sinalar que estamos a vivir un proceso similar ao que aconteceu, hai apenas uns anos, co servizo de matrona. Sen comunicacións claras, limitouse primeiro daquela a axenda médica, posteriormente a renovación de persoal, e por último, suprimiuse o servizo de xeito definitivo despois do seu traslado a outro centro”.

Dende a Asociación de Veciños de Coruxo defenden polo tanto a necesidade de contar co servizo de pediatría dentro do Centro de Saúde de Coruxo “para dar resposta ás necesidades dunha das áreas máis anovadas en idade do Concello e que cubre, xa de por si, unha zona grande abondo como para ter conta da súa importancia”.

O Bloque Nacionalista Galego tamén presentou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para esixir á Xunta o mantemento do servizo de pediatría no Centro de Saúde de Coruxo e mais o reforzamento deste no centro de saúde de Navia.

“Que o Sergas tente deixar sen pediatra, pola porta de atrás, ás parroquias de Coruxo,
Saiáns, San Miguel de Oia e unha parte de San Andrés de Comesaña é unha medida
intolerábel e unha mostra clara de que o único que persegue o Partido Popular é o
desmantelamento da sanidade pública galega, cebándose especialmente en contra da
Atención Primaria”, segundo criticou Serafín Otero, responsábel local do BNG de Vigo.

A situación agrávase tendo en conta que durante os meses de verán as parroquias afectadas vén incrementada considerabelmente a súa poboación. Ademais, o Bloque pon o foco tamén na situación de “masificación” que padece xa o centro de Saúde de Navia, que vén de receber ademais 900 novas cartillas trasladadas do
Centro de Saúde de Coia.

Concentración pediatra en Coruxo/ Miguel Núñez

“Este feito déixanos na práctica sen posibilidade material dunha atención pediátrica áxil, o que acabará por provocar inevitabelmente a masificación das urxencias do Álvaro Cunqueiro” advirten as nacionalistas. “Falamos da saúde dos e das máis pequenas, e inda así o PP recorta sen pudor”, denuncian.

Por outra banda, desde Compromiso por Galicia lamentaron que “desde a Xunta estén a incentivar o despoboamento do rural galego, desfazendo os servizos públicos necesarios para o benestar da poboación”.
 
Cortés Alonso, secretario local, declarou ao respeto que “o governo do PP está a vacilar aos galegos e galegas coa sua política demográfica, deixando un rural avellentado e no que as novas familias non atopan nen atractivos nen incentivos para facer a súa vida” declarou Cortés Alonso.
 
Finalmente, o secretario local galeguista, instou a unha solución a este problema que afecta a moitos usuarios do Sergas e que “é un problema que está a repetir-se en todo o país, onde son reiterados os peches dos servizos de pediatría”.

 

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...