InicioSociedadeO secretario do Colexio de Enfermaría de Pontevedra asistirá como acusación particular...

O secretario do Colexio de Enfermaría de Pontevedra asistirá como acusación particular na causa por branqueo

Confían en que se eliminarán "os chiringuitos que se crearon nos últimos anos cun fin alleo aos intereses colexiais", "sacando do medio" ás persoas que participaron na súa posta en marcha.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O secretario do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, J.F.P.S., presentarase como acusación particular na causa que se segue por delitos de branqueo de capitais, falsidade documental e administración desleal contra o presidente, Carlos Fernández, a súa muller e a súa filla, que esta semana foron detidos e ingresaron en prisión.

Mediante un comunicado, o secretario trasladou unha mensaxe de “tranquilidade” aos colexiados e defendeu que, desde a súa toma de posesión, que tivo lugar en 2018, buscou “dotar de eficiencia e transparencia” a xestión do organismo. Así, afirmou que non puido levar a cabo “os seus labores legais” debido ao “escurantismo deliberado” do presidente “en conivencia con boa parte da aínda actual xunta de goberno”.

Neste sentido, sinalou que a “opacidade”, o “escurantismo” e a “constante negativa e imposibilidade” de executar as súas funcións, sumados ao “control absoluto” dos órganos exercido polo presidente e “o seguidismo” dos seus asesores e a xunta de goberno, motivaron que se recorrese á xustiza.

Ademais, o secretario do Colexio de Enfermaría de Pontevedra avanzou que este luns comparecerá ante o xulgado que leva a causa para exercer a acusación particular e achegar a súa “total colaboración” para o esclarecemento dos feitos.

Así, confiou en que se eliminarán “os chiringuitos que se crearon nos últimos anos cun fin alleo aos intereses colexiais“, “sacando do medio” ás persoas que participaron na súa posta en marcha. Deste xeito, augurou que “se porá orde económica” e institucional mediante a intervención das supostas sociedades instrumentais ás que aludiu.

Así as cousas, concluíu que a xunta de goberno do colexio e as persoas que a asesoran atópanse “deslexitimadas”, polo que “deberían presentar xa a súa dimisión”.

Na misiva dirixida aos colexiados, o secretario denunciou tamén a posesión de material de protección contra o coronavirus que “non foi entregado” e a realización de “despedimentos irregulares de traballadores”. Ademais, avanzou que nos próximos días darase a coñecer máis información sobre as “numerosas irregularidades” cometidas.

DETENCIÓNS

Carlos Fernández, a súa muller e a súa filla foron detidos esta semana no marco dun operativo coordinado por un xulgado de Vigo e levado a cabo por axentes da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais (UDEF) da Policía Nacional que estaba vinculado con falta de pagamentos por parte do Colexio ao Consejo General de Enfermaría de España.

De feito, a entidade provincial xa foi condenada en dúas ocasións a abonar un total de 6 millóns de euros ao organismo nacional por non sufragar a porcentaxe correspondente das cotas que satisfán trimestralmente os colexiados.

Finalmente, o Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do tres detidos, investigados por delitos relacionados con supostas irregularidades na xestión das cotas do organismo colexial. A causa séguese contra estes por delitos de branqueo de capitais, falsidade documental e administración desleal.

ÚLTIMAS

Vigo aproba un orzamento récord de máis de 365 millóns e conxela taxas e impostos

A xunta de goberno local de Vigo aprobou este martes "o orzamento máis elevado...

A rebaixa fiscal da Xunta. Dos 96 millóns anunciados aos 5 euros efectivos por fogar. Canto aforrará realmente unha familia galega?

A baixada do IRPF anunciada esta semana pola Xunta en plena precampaña electoral terá...

Stellantis parará dous días a produción do Peugeot 2008 en Vigo por falta de pezas

A fábrica de Vigo do grupo automobilístico Stellantis volverá deter a produción a finais...

O PP de Vigo reivindica a aposta da Xunta pola recuperación da ETEA, con 11,7 millóns nas contas de 2027

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, reivindicou este martes a aposta da...