InicioEconomíaCaballero denuncia un novo abandono da Xunta á Vigo de 223 millóns...

Caballero denuncia un novo abandono da Xunta á Vigo de 223 millóns de euros

O alcalde apunta que as contas autonómicas reflicten "a escasa atención" á cidade desde que Feijóo goberna

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este martes que os orzamentos da Xunta para 2021 destinan, nos seus capítulos de investimentos, 223 millóns menos “do que lle corresponde á cidade por poboación”, e advertiu de que, sumado ao que o goberno galego “deixou de investir” en Vigo desde que Feijóo é presidente, a débeda ascende “a 2.223 millóns de euros”.

Así o trasladou o rexedor olívico nunha rolda de prensa, na que criticou a “escasa atención” da Xunta á cidade nas súas contas para o ano que vén. “Volve pasar o mesmo que está a suceder desde que goberna Feijóo”, lamentou.

Segundo sinalou Caballero, a Xunta recolle investimentos por 2.460 millóns nos capítulos 6 e 7 dos orzamentos; tendo en conta que Vigo ten o 11,1 por cento da poboación de Galicia, “corresponderíanlle 273 millóns”, pero as contas recollen “só” 49,8 millóns de euros. Por tanto, concluíu, “Vigo deixa de recibir 223 millóns de euros, que lle corresponden por poboación”.

O alcalde lembrou que, segundo os seus cálculos, desde que Feijóo está á fronte do Executivo autonómico, “debe” á cidade olívica uns 2.000 millóns de euros. “E a partir agora, serán 2.223 millóns. Ese é o balance dos orzamentos da Xunta para Vigo”, sentenciou Caballero.

O rexedor puxo como exemplo desa “desatención”, a partida para melloras na canalización do río Lagares, despois de que a conselleira Ethel Vázquez estivese na cidade para “anunciar un investimento estupendo”. “Pois hai 313.000 euros, que non investirá. E Vigo ten nos seus orzamentos municipais 8,2 millóns de euros para o río Lagares”, resolveu.

MOCIÓNS SOCIALISTAS

Por outra banda, o alcalde apuntou que, no pleno que se celebrará este mércores, o grupo socialista levará a debate varias mocións “para pór de manifesto o abandono notable da cidade por parte da Xunta”.

Así, o grupo de goberno local pedirá ao goberno galego que modifique os orzamentos de 2021 para incluír partidas destinadas á construción de dúas escolas infantís porque, “desde que goberna Feijóo”, a administración autonómica “só fixo unha” na cidade.

Os socialistas tamén reclamarán que se faga “compatible” a RISGA co Ingreso Mínimo Vital. “Porque me temo que Feijóo ten en mente outra acción, como é restrinxir a RISGA a niveis moi baixos”, denunciou Abel Caballero.

Na mesma liña, os edís do PSOE solicitarán a firma dun convenio para que o goberno galego inicie en 2021 a construción dun instituto no barrio de Navia; e reclamarán ao goberno de Feijóo que incremente as axudas ao sector da hostalaría con motivo da pandemia, porque os 15 millóns anunciados son unha cifra “ridícula” e “debe aumentalos a 75 millóns”.

ÚLTIMAS

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...

A Fiscalía pide ano e medio de prisión para un home acusado de acosar con insultos homófobos a un traballador en Vigo

Un home de 39 anos enfróntase a unha petición fiscal de ano e medio...

Condenan ao Concello de Vigo por incumprimentos en materia de riscos laborais e debe indemnizar a 4 funcionarios

O Tribunal de Instancia de Vigo, Sección Social, praza 3, condenou o Concello de...

Tres mergulladores denunciados en Vigo por capturar polbo de talla inferior e extraer case seis quilos de bivalvos

A Policía Local de Vigo denunciou nos últimos días a tres persoas por irregularidades...