A Fiscalía pide penas que suman 6 anos de prisión para un home acusado de agredir a tres policías que estaban de paisano en Vigo, e que será xulgado este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.
Segundo o escrito de acusación pública, o acusado, V.M.R.P., atopábase, xunto a dous amigos, na rúa Rosalía de Castro de Vigo, na madrugada do 4 de xuño de 2016, e dispúñase a entrar a un aparcadoiro subterráneo para retirar o seu coche.
Os tres accederon ao aparcadoiro a través dunha rampla na rúa Pontevedra, onde se atopaban nese momento tres axentes de policía de paisano. Mentres que os seus amigos accederon á rampla por unha banda, o acusado fíxoo polo medio dos axentes, e empuxando a un deles, ao que lle pediu de malos modos que se apartase para poder entrar a sacar o seu coche.
O funcionario pediulle que se tranquilizase e identificouse como policía, pero V.M.R.P., “sen mediar palabra”, propinoulle unha forte puñada no nariz, polo que os outros dous axentes interviñeron para auxilialo. O acusado foi reducido pero mostrou gran resistencia e violencia, de feito, causou un traumatismo nunha man a outro dos axentes, e rompeulle a cazadora a un terceiro.
DELITOS E PENAS
Por estes feitos, a Fiscalía considera a V.M.R.P. autor dun delito de atentado contra axentes da autoridade, un delito de lesións, e un delito leve de lesións, e pide que sexa condenado a penas que suman 6 anos de cárcere e ao pago de 600 euros de multa.
Así mesmo, reclama que indemnice en 490 euros ao axente lesionado na man, que pague 77 euros pola cazadora rota ao outro funcionario, e que indemnice en máis de 61.000 euros ao axente ao que deu unha puñada no nariz. Este policía sufriu lesións graves a consecuencia do golpe e tivo que ser intervido cirurxicamente ata en 6 ocasións.
Ademais, o ministerio público pide que o acusado se faga cargo de todos os gastos médicos, farmacéuticos e de transporte dos policías lesionados, e que indemnice ao Ministerio do Interior polos gastos ocasionados con motivo da baixa do axente ao que golpeou no nariz (que estivo case dous anos incapacitado para o seu traballo).