InicioPolíticaFeijóo pide ao alcalde de Vigo "deixar a confrontación" sobre a área...

Feijóo pide ao alcalde de Vigo “deixar a confrontación” sobre a área metropolitana

Así o trasladou despois da sentenza que anula a posta en funcionamento da área metropolitana, estimando parcialmente o recurso interposto pola Xunta de Galicia contra as actuacións administrativas relativas á constitución deste ente supramunicipal.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou, tras o último pronunciamento xudicial, o “tempo perdido” na área metropolitana de Vigo, á vez que enviou unha mensaxe ao alcalde, o socialista Abel Caballero, aínda que non o citou expresamente: é urxente “deixar a confrontación” e “restablecer” o transporte metropolitano, xa que mentres “non estea operativa” a área é “ilegal”.

Así o trasladou despois da sentenza na que anula a posta en funcionamento da área metropolitana, estimando parcialmente o recurso interposto pola Xunta de Galicia contra as actuacións administrativas relativas á constitución deste ente supramunicipal, por non estar integrada a cidade olívica no plan de transporte metropolitano impulsado polo Goberno autonómico.

“Non o digo eu, dio un xuíz. E dio un xuíz porque así o establece a lei aprobada no Parlamento autonómico”, subliñou Feijóo, sobre o transporte metropolitano, antes de remarcar que en Galicia “todos os cidadáns teñen que cumprir” as normas que emanan da Cámara autonómica e das Cortes, como determina vivir nun Estado de Dereito.

Neste contexto, manifestou que espera que a situación quede “resolta dunha vez” e recalcou que “é incompatible unha área metropolitana se o alcalde e presidente da mesma está en contra do transporte metropolitano”.

Para Feijóo, é “unha cuestión o sufientemente clara e básica”. “O peor de todo isto é o tempo perdido. En todas as cidades de Galicia nas que hai transporte urbano, hai transporte metropolitano, salvo en Ourense e Pontevedra”, lamentou.

“Todos os alcaldes socialistas están a cumprir co transporte metropolitano salvo o de Vigo; e o que vén dicir o xuíz é que non hai alcaldes de primeira nin de segunda. Todos os alcaldes teñen que cumprir as leis e que o que estaba a facer o Concello de Vigo é ilegal“, sentenciou.

“CENTENARES DE MILES DE EUROS PERDIDOS”

Finalmente, advertiu que agora toca actuar por parte do Concello e “restablecer o transporte metropolitano que, hai uns días, se prorrogaba por un ano máis para todos os municipios da área”. Por último, lamentou “o diñeiro que están a perder usuarios do transporte en Vigo como consecuencia da negativa do Concello de incorporarse”.

“Centenares de miles de euros perdéronse todos estes anos e lamentablemente non os van recuperar os cidadáns que usan o transporte urbano. Sería bo deixar a confrontación e dedicarse aos intereses xerais de Vigo”, resolveu.

ÚLTIMAS

Caballero pide unha reunión urxente con Xunta, Deputación, Goberno e Celta para pactar a reforma de Balaídos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, propuxo unha reunión este venres, día 20 de...

Un choque entre un coche e un camión provoca retencións na avenida de Beiramar, en Vigo

Un accidente de tráfico entre un turismo e un camión está a provocar retencións...

BNG critica que Sareb funcione “como unha especie de fondo voitre”

O BNG criticou este martes que a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da...

O Celta consegue que a RAG incorpore no diccionario “canteirán,canteirá”

O Diccionario da Real Academia Galega (RAG) incorporou "Canteirán, canteirá" como nova acepción tras...