InicioDeportesO Celta consegue que a RAG incorpore no diccionario "canteirán,canteirá"

O Celta consegue que a RAG incorpore no diccionario “canteirán,canteirá”

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Diccionario da Real Academia Galega (RAG) incorporou “Canteirán, canteirá” como nova acepción tras unha petición do RC Celta de Vigo. Tal e como detallou a institución, a RAG recibiu a proposta de incluír “canteirán” por parte do Real Club Celta de Vigo, polo que se iniciou un estudo previo dos significados da palabra “canteira” aos que estaría asociada.

“Despois deste estudo sobre as voces “canteira” e “canteirán-á”, acordouse a incorporación ao DRAG de dous novos significados de “canteira”, “lugar ou institución de procedencia de persoas talentosas para unha actividade especializada, particularmente no ámbito deportivo” e “conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club”, esta última coa marca diatécnica de Deporte, e do lema “canteirán-á””, expuxo a coordinadora do Seminario de Lexicografía, María Dolores Sánchez Palomino.

Con respecto a “Canteirán-á”, explicou que entra no Diccionario coa súa “doble condición de adxectivo” ([Deportista] “Que se formou na canteira do seu club”) e substantivo (“Deportista que se formou na canteira do seu club”). Ademais, a RAG sinalou que a escolla dos exemplos de “canteirán-á”, na acepción como nome común, inclúe unha referencia ao club que propuxo a entrada: “Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos”.

Pola súa parte, o significado do adxectivo ilústrase con outro exemplo que mostra a súa forma feminina: “As baixas obrigaron a recorrer a varias xogadoras canteirás”. Os exemplos de “canteira” fan referencia tamén tanto ao contexto deportivo, galego e estatal, como ao uso deste termo noutros ámbitos, como o universitario. 

Todos eles, salientou a RAG, dan conta da evolución semántica desta palabra, cuxo significado primitivo é o de “lugar de onde se extrae a pedra”, e que se forma a partir de “canto”, na acepción de “pedra pequena, particularmente a que a erosión volveu lisa e redondeada”, e do sufixo “-eira”, “moi produtivo en galego para formar substantivos co sentido de “sitio onde abonda algo””.

Ademais, recolle que o uso metafórico de “canteira” relacionado con persoas talentosas formadas nun mesmo lugar está documentado na prensa galega de hai máis dun século. É o caso de “A Nosa Terra”, que nunha das súas páxinas de 1917 a aplicaba para reivindicar así a aposta pola formación da mocidade do país con talento musical.

ÚLTIMAS

BNG critica que Sareb funcione “como unha especie de fondo voitre”

O BNG criticou este martes que a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da...

De Baiona a Bruxelas: a iniciativa cidadá que cambiará a seguridade infantil nos coches europeos

Pedro Telmo, veciño de Baiona, impulsou unha campaña en Change.org que superou as 62.500...

O BNG esixe cambiar o plan de tráfico do Nadal de Vigo tras o “caos” do acendido das luces e o desfile de Disney+

O BNG de Vigo urxiu ao Goberno municipal que "rectifique" o plan de tráfico...

“Ameaza a supervivencia do barrio”: Lavadores mobilízase contra o proxecto de vivendas da Xunta

Máis de mil veciños do barrio vigués de Lavadores asinaron unha carta dirixida ao...