O alcalde de Vigo, Abel Caballero, propuxo unha reunión este venres, día 20 de novembro, entre o Concello, a Xunta, a Deputación de Pontevedra, a Delegación do Goberno e o Celta para pactar o financiamento necesario para levar a cabo as obras que o estadio de Balaídos necesita para poder ser sede do Mundial de Fútbol 2030.
Nun audio enviado aos medios de comunicación, o rexedor indicou que enviou unha carta a cada entidade para poder cadrar a data, á espera de que o encontro se realice a partir das 11.00 horas no propio estadio. Segundo el, as obras en Balaídos xa se iniciaron e chegarase “perfectamente a tempo” para o Mundial.
Caballero insistiu en que a súa proposta é que o financiamento dos traballos necesarios sexa achegada polo Concello, a Deputación e a Xunta, excluíndo ao Goberno central da ecuación. Desta maneira, segundo os seus cálculos, no próximos catro anos cada unha delas terá que achegar algo máis de sete millóns de euros anuais. El insistiu en que o Goberno “non está a contribuír” na construción ou reparación de ningún estadio que será sede do Mundial, criticando que tanto Deputación como Xunta están “empeñados” en que Vigo non sexa mundialista.
