InicioSociedadeUn centro de Vigo lidera as mobilizacións contra a medida da Xunta...

Un centro de Vigo lidera as mobilizacións contra a medida da Xunta para “neutralizar” as folgas

O CEIP Emilia Pardo Bazán acolleu a protesta dos seus docentes contra unha medida "abusiva" e deseñada para "rebentar" as folgas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Máxima tensión entre a comunidade educativa e a Consellería de Educación. A decisión de Román Rodríguez de impoñer uns servizos mínimos que “impiden desenvolver calquera folga” -segundo denuncia CIG-Ensino- vén de desatar un enfrontamento que se levaba fraguando nos últimos meses coas denuncias contra a demora do protocolo de educación.

A normativa imposta polo novo conselleiro de Educación a poucos días do comezo das aulas impide, de facto, que o seguimento ás folgas por parte de persoal docente e non docente acade cotas elevadas. Esta restrición, na que os sindicatos ven un ataque ó dereito á folga, acontece porque a regulación implica a presenza dun docente por aula, obrigatoriedade que -segundo centros e sindicatos consultados por GC- non estaba presente en normativas anteriores.

As restricións impulsadas por Román Rodríguez afectan de xeito especial á educación infantil e primaria, que hoxe abre un curso escolar incerto nunha xornada para a que se prevía unha folga con amplo seguimento. Porén, non será así, xa que, como explica Suso Bermello, de CIG-Ensino, “a medida impide facer folga ó 80% do profesorado de infantil e ó 60% de primaria”. O secretario nacional da formación explica que “nestes niveis de educación apenas hai mestres auxiliares á parte dos que corresponden a cada aula”, unha característica que impide chegar ó seguimento alto agardado polos sindicatos.

MOBILIZACIÓN EN VIGO

Con esta dificultade se atoparon no CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo. Segundo explican no centro, a totalidade de docentes manifestou a súa intención de ir á folga, pola cal Pilar G. Araújo -responsable da dirección- comunicou a instancias superiores a súa intención de permanecer no centro -cando tamén ela quería secundar a folga- para permitir ós compañeiros exercer o seu dereito.

Porén, tal e como explica o centro, a inspección comunicoulles entón que, no caso de quebrantar os servizos mínimos impostos pola Xunta, enfrontábanse a unha sanción “grave”: ata dous anos de suspensión sen emprego nin soldo. Ante esta circunstancia, os docentes do centro vigués optaron por acudir todos ó CEIP e concentrarse á entrada do mesmo vestidos de negro.

UNHA MEDIDA PARA “REBENTAR” A FOLGA

Con este acto os docentes pretenden denunciar o que Araújo califica como “uns servizos mínimos abusivos”. “Esta normativa foi impulsada porque viron que as folgas ían ter éxito. Foi un xeito de neutralizar a resposta do profesorado”, valora a directora. Nun sentido paralelo discorre a visión da CIG, que ve na medida un paso para “rebentar a folga”. “Nós non chamamos a quebrantar os servizos mínimos” defende Bermello, “pero isto son máis ben servizos máximos”.

As declaracións de Bermello chegan na mesma mañá na que o TSXG desestimo o recurso que a CIG interpuxo contra as medidas da Xunta. A formación sindical criticou, neste aspecto, o “nesgo ideolóxico” do tribunal. “Emite opinións de carácter político, mais propias dun gabinete de comunicación da Xunta ou do Partido Popular que dun alto tribunal”, denunciaron

ÚLTIMAS

O embaixador de Perú rende homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo no porto de Vigo

O embaixador de Perú en España, Luís Iberico Núñez, encabezou este domingo unha ofrenda...

Enfróntase a máis de 16 anos de cárcere acusado de violar e roubar a unha muller á de traballar dun hospital de Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro...

Os servizos emerxencias traballan na extinción dun incendio nun cortello da avenida Ricardo Mella

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio declarado nun cortello da avenida...

Detido en Vigo un home por dous ataques consecutivos á Policía Local nun só día

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un cidadán estranxeiro, A.M., de 30...