InicioSociedadeChoque de manifestacións en Tui ante a visita de Felipe VI

Choque de manifestacións en Tui ante a visita de Felipe VI

Este mércores o rei será recibido cunha concentración de apoio no club náutico da cidade. A escasos metros terá lugar unha contramanifestación republicana.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Queda escrito que a visita do rei Felipe VI a Tui levantará os ánimos. A chegada do monarca á vila pontevedresa -primeiro acto oficial que desenvolve logo de pasar dúas semanas alonxado da vida pública- recollerá á par xestos de simpatía e rexeitamento que, previsiblemente, quedarán recollidos en cánticos e pancartas para o recordo.

Así o apuntan os anuncios de ata tres plataformas e asociacións que nas últimas horas decidiron convocar sendas manifestacións na vila pontevedresa en apoio e rexeitamento ó rei. A visita do monarca chega nun momento de especial delicadeza para a casa real e a propia institución monárquica, co eco da fuxida do Emérito aínda no aire e a petición de múltiples formacións políticas -o BNG entre elas- de arrincar investigacións contra os Borbóns.

Esta será, probablemente, unha das esixencias máis repetidas na concentración desenvolta ao abeiro de Galiza Nova e o centro social Fuscallo. Baixo o lema “Galiza non ten rei” concentraranse na chamada popularmente como “praza dos cabalos” -no Paseo da Corredoira- ás 12 do mediodía de este mércores.

Tempo suficiente para que dea comezo e fin a outra das citas marcadas para a xornada. A escasos metros da Corredoira terá lugar -ás 10:45 da mañá- unha concentración de apoio ó monarca que será aloxada no clube náutico da cidade por iniciativa de Concordia Real Española.

MEDIDAS SANITARIAS

Tanto a plataforma pro-monárquica como a que pide a constitución de Galicia como unha república independente coinciden en facer un chamamento á responsabilidade e “rogar” ós seus asistentes que porten máscaras e garden a distancia de seguridade. A plataforma a prol de Felipe VI fixa a separación interpersoal a seguir en 2 metros.

ALCALDES DO BNG NON ASISTIRÁN AOS ACTOS CO REI

A Executiva Nacional do BNG acordou este martes que ningún representante dos concellos das Neves, Tomiño e O Rosal, gobernados polos nacionalistas, acudirá este mércores aos actos organizados na Comandancia Naval do Río Miño, en Tui, aos que asistirá rei Felipe VI.

A través dun comunicado, o Bloque apunta que os rexedores deste tres municipios –Xosé Manuel Rodríguez (As Neves), Sandra González (Tomiño) e Ánxela Fernández (O Rosal)–, que foron convidados o evento, non acudirán por considerar a monarquía “unha figura anacrónica e asociada a presuntas irregularidades económicas”.

“O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa da soberanía nacional e a liberdade da nación galega para construírse nun Estado soberano, democrático, laico e republicano; a ‘República da Galiza'”, finaliza o comunicado.

ÚLTIMAS

“Tiven que vivir na rúa dentro dun coche, co meu fillo menor de idade e dous gatos”, di unha estafada

Un estafador reincidente, condenado ata en tres ocasiones por casos similares, asegurou que descoñece...

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...