InicioSociedadeRexeitado o recurso do Parlamento pola incomparecencia dun funcionario vigués na comisión...

Rexeitado o recurso do Parlamento pola incomparecencia dun funcionario vigués na comisión do Marisquiño

O alcalde de Vigo interpreta o auto como un "pau" a Feijóo por "usurpar" as funcións do Concello

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Audiencia Provincial da Coruña ditou un auto no que desestima a apelación interposta polo Parlamento de Galicia contra un auto previo do xulgado de instrución de Santiago, que ratificaba o arquivo das actuacións contra un funcionario de Vigo, procesado por non comparecer na comisión de investigación posta en marcha con motivo do accidente ocorrido en agosto de 2018 no festival O Marisquiño.

Por esa incomparecencia, a Fiscalía presentou denuncia contra ese funcionario, o secretario municipal, por un suposto delito de desobediencia, pero o xulgado de instrución arquivou a causa ao entender que o funcionario non actuou con dolo e argumentou a súa decisión.

O Parlamento recorreu o arquivo e o seu recurso de reforma foi desestimado, polo que presentou recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña, que agora tamén o desestimou.

Neste caso, o tribunal provincial fai constar como argumento para rexeitar o recurso que, en primeiro lugar, o investigado “non se limitou, sen máis, a non atender os requirimentos” de comparecer na comisión, senón que “contestou expresamente” e alegou as explicacións que considerou oportunas (e que a Audiencia non analiza).

En segundo lugar, expón a Audiencia, o Parlamento non procedeu conforme se establece no seu regulamento, onde se recolle que se un funcionario citado non comparece, o presidente da Cámara “comunicarao á autoridade ou ao funcionario superior correspondente por se fose procedente esixirlles algunha responsabilidade”.

Este paso non se deu por parte do Parlamento, que acudiu directamente á vía penal “sen considerar efectuar aquela comunicación”, polo que se acordou a desestimación.

VALORACIÓN DE ABEL CABALLERO

A pesar de que a Audiencia non se pronuncia sobre a procedencia ou non de que o secretario municipal comparecese na comisión de investigación do Marisquiño, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou o auto como un “pau” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusa de promover esa comisión “política e espúrea” para prexudicar o goberno vigués.

Segundo interpretou o rexedor, cando se creou a comisión cometeuse unha “grave usurpación de funcións do Concello” olívico, a institución que estaría facultada para indagar sobre o accidente (a pesar diso, no seu día o goberno local opúxose a crear unha comisión municipal porque non había “nada que investigar” no ámbito político e o ocorrido era xa obxecto de procedemento xudicial).

Caballero defendeu que o secretario municipal non comparecese na comisión do Parlamento e criticou a “ousadía” da Cámara por denuncialo. “Agora o xuíz e o fiscal coinciden en que non foi un acto de rebeldía, senón que estaba xustificado polas normas”, afirmou, e denunciou que se tentou “presionar e coaccionar” ao secretario municipal.

Para o alcalde, a Audiencia “avala” esa actuación do funcionario e, ademais, lembrou que hai un ditame do Consello de Estado que referenda que “as comisións dos parlamentos non poden tratar temas municipais”. “Isto é un gravísimo pau a Feijóo, censurado polo Consello de Estado e polos tribunais, e aínda se presenta ás eleccións”, proclamou.

ÚLTIMAS

Buscan a unha muller de 44 anos de idade desaparecida en Vigo desde este domingo

SOS Desaparecidos activou unha alerta pola desaparición en Vigo dunha muller, de 44 anos...

Rueda reúnese cos responsables de Conxemar para impulsar o sector da pesca transformada en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou esta semana un encontro na...

O Celta de Vigo entrega á Deputación de Ourense material contra incendios recadado nunha xornada solidaria

O Real Club Celta de Vigo fixo entrega este domingo á Deputación de Ourense...