InicioEconomíaAbel Caballero asegura que só o Concello de Vigo está a tramitar...

Abel Caballero asegura que só o Concello de Vigo está a tramitar en España o ingreso mínimo vital

A oposición critica a "pornografía da pobreza" que, na súa opinión, practica o goberno local.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que, ata este xoves, o Concello olívico atendeu  3.250 persoas solicitantes do Ingreso Mínimo Vital (IMV), fronte á Xunta e ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que tramitaron “cero”.

O rexedor lembrou que o Concello de Vigo ten sete traballadores dedicados exclusivamente a atender esas persoas, e dobrará ese número en próximos días, cando se porán en funcionamento 14 puntos de atención na cidade para solicitantes desa renda básica.

Segundo explicou o rexedor, son centos as persoas que acoden (moitas deles sen cita previa) ao Concello para xestionar esa solicitude. Mentres, “a Xunta non tramitou nada, e o propio INSS tramitou cero”.

“No resto de España pasa o mesmo, practicamente ninguén, como non sexa o Concello de Vigo, está a tramitar o Ingreso Mínimo Vital”, proclamou, e sinalou que, nesa tramitación, un dos principais problemas, que implica certa “saturación administrativa”, é a emisión de certificados do censo, porque “require un tempo”. “Pode haber outros mecanismos, formas distintas de acreditar que se está censado”, incidiu.

“PORNOGRAFÍA DA POBREZA”

Pola súa banda, os grupos da oposición lamentaron que o goberno local non tome medidas para evitar a exposición dos centos de persoas que acoden ao Concello a informarse ou tramitar a solicitude do IMV, e practique a “pornografía da pobreza”.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, esixiu que se tomen medidas para tramitar as solicitudes de maneira efectiva e garantir a intimidade dos cidadáns, á vez que precisou que é “falso” que se tramitaron máis de 2.000 peticións.

Segundo indicou, non todas as persoas que acoden ao Concello conseguen tramitar a súa solicitude, algunhas delas porque non teñen cita e ténselles que dar (nalgúns casos para dentro de varias semanas), ou porque necesitan outra documentación. Ademais, denunciou que o teléfono para pedir esa cita, o 010, está “colapsado” e non hai persoal suficiente para atender a todas as peticións.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, subliñou que máis de 2.200 persoas acudindo ao Concello para pedir o IMV “non é motivo para que o alcalde presuma ou alardee”, senón “un síntoma evidente e preocupante da emerxencia social que hai na cidade”.

A ese respecto, o edil nacionalista lembrou que o propio Abel Caballero “non quería ver a realidade” da pobreza na cidade, mesmo antes da crise do COVID, e agora esa realidade faise evidente. Por iso, esixiu que a administración local poña en marcha un plan de protección social, con medidas concretas e con “todos os recursos necesarios”, ademais de manter en funcionamento os dispositivos extraordinarios de atención a persoas ‘sen teito’. “Menos presumir en titulares e máis actuar para combater esa pobreza, porque as colas son unha chamada de atención evidente, de que hai que actuar”, sentenciou.

Na mesma liña, o portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, pediu ao goberno local que non peche o albergue provisional do pavillón do Berbés “ata que non conte cunha alternativa” que, apuntou, podería ser o Seminario da Avenida de Madrid ou hostais da cidade.

Marnotes ve “evidente” que a crise da COVID-19 fixo “aflorar unha pobreza que xa existía” en Vigo e, entre outras medidas, expuxo que o Concello xestione a todos os usuarios deses dispositivos a percepción do Ingreso Mínimo Vital.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...