InicioSociedadeO TSXG ratifica o cobro do IBI ao Hospital Álvaro Cunqueiro de...

O TSXG ratifica o cobro do IBI ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Abel Caballero celebrou esta sentenza e criticou que a Xunta tamén "saíra en axuda do negocio privado".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso contencioso-administrativo interposto polo Sergas en contra do acordo do Concello de Vigo que modifica a ordenanza fiscal do IBI, e ratifica que a sociedade concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro debe pagar ese imposto (case un millón de euros ao ano).

A Xunta argumentou no seu recurso que esa modificación da ordenanza fiscal incumpría os termos do convenio marco de cooperación asinado entre a concesionaria, a administración autonómica e o propio Concello olívico para a construción do hospital, e que faría inoperativa a sentenza do TSXG que declaraba que o centro sanitario estaba exento de IBI.

A ese respecto, o alto tribunal galego lembrou que o goberno local vigués modificou a ordenanza en exercicio da súa potestade, e que dita modificación non é contraria a dereito.

Tamén desestima o argumento de que o Concello non valorou convenientemente a repercusión da modificación nos gastos e ingresos públicos, e sinala que, aínda que a motivación da administración municipal é “concisa”, tamén “é suficiente”.

Por outra banda, o TSXG volve lembrar que, no caso do hospital vigués, hai dúas titularidades con acceso ao catastro: por unha banda, a sociedade Novo Hospital de Vigo, titular do dereito de concesión, e por outro o Sergas, que é “propietario do cento por cento do inmoble”.

Tamén reitera que, aínda que o hospital estaba exento do IBI ao amparo da anterior ordenanza, coa modificación aprobada polo Concello de Vigo esíxese, para que haxa exención dese imposto, que o centro sanitario sexa público, e que o Sergas sexa tamén suxeito pasivo do imposto (algo que agora non ocorre porque o suxeito pasivo é a concesionaria). Ademais, limita a exención do IBI a centros sanitarios públicos nos que se dispense atención primaria.

Finalmente, e do mesmo xeito que xa fixera co recurso presentado pola concesionaria, o TSXG lembra que o Sergas poida depurar pola vía pertinente as consecuencias que se deriven do incumprimento do convenio marco.

VALORACIÓN DE ABEL CABALLERO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, nunha rolda de prensa telemática, celebrou esta sentenza e criticou que, despois de que o “hospital privado” presentase recurso e “perdese”, a Xunta “saíu en axuda do negocio privado” presentado tamén un recurso.

“A sentenza dános a razón”, proclamou, e cuestionou “por que a Xunta non quere que a empresa pague”. “Que hai detrás deste negocio?”, preguntou, á vez que vaticinou que o goberno galego recorrerá en casación, porque “está en campaña electoral”, pero “nin llo van admitir a trámite”.

ÚLTIMAS

Un xulgado de Vigo recoñece a incapacidade a unha cociñeira á que o INSS mandou traballar “preto dun hospital”

A Praza Número 6 da Sección do Social do Tribunal de Instancia de Vigo...

Abel Caballero reclama cofinanciamento para subvencionar voos en Peinador e acusa á Xunta de querer “pechar” o aeroporto

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu este xoves que o aeroporto da cidade...

Colectivos de Vigo convocan unha protesta de urxencia ante o asalto á flotilla con dous vigueses a bordo dos que non se teñen noticias

Vigo acollerá este xoves 30 de abril, ás 20:00 horas, unha concentración no Paseo...

Sindicatos policiais denuncian en Vigo falta de persoal e unha comisaría “indigna”

Os sindicatos policiais SUP e CEP levaron a cabo este xoves unha concentración diante...