InicioSociedadeRecollen firmas para esixir o peche "inmediato" de Citroën por "saúde pública"

Recollen firmas para esixir o peche “inmediato” de Citroën por “saúde pública”

No escaso tempo que leva aberta a petición en change.org, as sinaturas xa superan as 10.000.

PUBLICADO O

- Advertisement -

“Os cidadáns e cidadás de Vigo esiximos o cese inmediato da actividade laboral na planta de PSA Citroën Vigo por motivos de saúde pública”. Desta maneira comeza o texto que acompaña a solicitude de firmas a prol do peche da fábrica na plataforma change.org. No escaso tempo que leva aberta a petición, as sinaturas xa superan as 10.000.

E é que a empresa PSA en Vigo reiterou este mesmo domingo, 15 de marzo, a súa decisión de manter a actividade a pesar da emerxencia sanitaria na que se atopa todo o estado debido á expansión do coronavirus.

Tamén os sindicatos (CUT) pediron estes días a paralización total da produción da planta nun escrito remitido á propia empresa no que argumentaba que unha actividade con miles de contactos entre os seus traballadores é “un posible foco de propagación” do coronavirus. Por este mesmo motivo, solicitaban “non correr o risco” de primar “a produción por encima da saúde”.

No texto da recollida de firmas asegúrase, ademais, que a actividade laboral da planta non só pon en risco ao persoal senón tamén ás súas familias, e por extensión, a toda a cidadanía. Os traballadores e traballadoras acuden á fábrica dende a propia cidade de Vigo e tamén dende outros municipios achegados, de maneira que a mobilidade pode contribuír ao contaxio deste virus.

Os propios traballadores tamén expresaron o seu malestar por esta decisión a través das redes. “O diñeiro que perda a empresa nunca pode estar por enriba da vida e da saúde”, explicaba un empregado dunha das empresas auxiliares de Citroën nun vídeo compartido polas redes sociais. “Eu non son un sector de primeira necesidade”.

POSICIÓN DA EMPRESA

A pesar de todas estas demandas, fontes da dirección de Citroën Vigo ampáranse en que a declaración do estado de alarma por parte do Goberno “autoriza a continuidade da actividade industrial e os movementos das persoas para acudir ao traballo”. PSA asegurou tamén que “intensifica a actividade preventiva” a través de “medidas destinadas a asegurar o distanciamento social recomendado” entre os empregados.

Estas solucións, que se concretarán este domingo nunha reunión co comité de empresa, súmanse a outras xa implantadas como o “reforzamento” da limpeza, a “prohibición de viaxes”, os protocolos “para evitar que entren persoas que estivesen en zonas de risco”, ademais doutras recomendacións que “minimicen o risco de contaxio”.

Xa o venres, a dirección da planta de PSA en Vigo propuxo que os empregados poidan utilizar bolsas de horas ou permisos retribuídos, traballar a distancia para coidar os seus fillos ante a suspensión das clases e “todos os mecanismos de flexibilidade dispoñibles”.

XUNTA DE GALICIA

A Xunta, pola súa banda, tamén considera “prioritario” manter activa a industria. Así pois,  insiste en que o funcionamento do sector secundario e primario debe “manterse sempre” coa seguridade de que os empregados das empresas traballan amparados por medidas de prevención para evitar contaxios de coronavirus que contribúan á súa expansión.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...