InicioEconomíaO xulgado homologa o acordo de refinanciamento de Barreras

O xulgado homologa o acordo de refinanciamento de Barreras

O xuíz constata unha viabiliade "a curto e medio prazo" tras a ampliación de crédito e a diminución de risco financeiro.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou auto polo que acorda a homologación do plan de refinanciamento presentado por Hijos de J. Barreras, despois de que o estaleiro alcanzase un acordo con máis do 51 por cento dos seus acredores e adoptase “medidas urxentes de refinanciamento e reestruturación” da súa débeda.

Segundo figura no auto, o auditor de contas do estaleiro certificou que Barreras conta co pasivo suficiente para a subscrición dese acordo, e dado que tamén se cumpre o requisito de alcanzar o pacto con polo menos o 51 por cento dos acredores, o xuíz deu luz verde á homologación.

O estaleiro solicitou esa homologación “producíndose unha viabilidade a curto e medio prazo do seu negocio, como consecuencia dunha ampliación significativa do crédito dispoñible cun financiamento adicional e incremento do prezo a percibir”, segundo se recolle no auto do xulgado do Mercantil.

Así mesmo, indícase que “se diminuíu o risco financeiro coa cancelación do contrato de liña de aval de devolución” e que “se fixou unha modificación das obrigacións de pago mediante prórroga do seu prazo de vencemento (…), que se fixa en maio de 2021”.

O xuíz sinala que, en virtude deste acordo de homologación, nin o acordo de reestruturación, nin os negocios, actos ou pagos realizados ao seu amparo, así como as garantías que se constitúan, poden ser obxecto de accións de rescisión.

Finalmente, apunta que as entidades financeiras acredoras afectadas pola homologación “manterán os seus dereitos fronte aos obrigados solidariamente co debedor, e fronte aos seus fiadores e avalistas”, de modo que estes non poderán invocar nin o acordo nin a homologación “en prexuízo daqueles”.

ACORDO CON ACREDORES

O estaleiro vigués, controlado pola navieira de Ritz Carlton, presentou o acordo no xulgado a principios de febreiro, xusto a piques de cumprirse o prazo de finalización do preconcurso. Nese plan de rescate, Barreras presentou un acordo con Cesce e coa banca, que contemplaba asumir o sobrecusto do cruceiro Evrima, e ao que posteriormente se adheriron as empresas auxiliares (acredores comerciais).

De feito, as auxiliares acredoras, agrupadas na sociedade Uninaval, aceptaron sumarse ao plan para non abocar a Barreras ao concurso e despois de que o estaleiro adoptase diversos compromisos. Entre eses compromisos está o de saldar, no momento en que o xulgado homologue o acordo de refinanciamento e se volva ao traballo, a metade da débeda contraída con estas empresas na construción do cruceiro de Ritz Carlton, mentres que o resto se abonará á entrega do buque.

ÚLTIMAS

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro...