Día lectivo. Luns ás 11:20 horas da mañá, hora do recreo. Moitos rapaces saen fóra do recinto escolar. Xúntanse no ‘Salón de Juegos Ruada’ na rúa Torrecedeira en Vigo, patrocinado por Sportium. O local de apostas está a menos de 100 metros de dous institutos da zona, o IES Politécnico e o IES Manuel Antonio. É dicir, incumple a norma actual de distancia mínima dos locais de xogo cos centros educativos, establecida nos cen metros.
“Coa volta da merenda xogamos uns euros nas apostas deportivas. Non é nada perigoso mentres o controles”, sinala un rapaz que saía deste local cun grupo. Insistímoslles sobre os riscos que están a observar os expertos. “Bueno, eu si que teño amigos que comezan a xogar tódolos días”, sinala un do mesmo grupo de rapaces timidamente.
Rapaces perto do Salon de xogos Ruada © Miguel Nuñez
Preguntámoslles se son menores. A maioría están entre os 16 e os 19 anos. “Aínda que sexan menores, conseguen apostar, ben pola súa apariencia, e logran entrar, ou porque un maior de idade faille as apostas. Mesmamente, hai un colega noso menor de idade que segue dentro do local“, di un rapaz de 18 anos doutro grupo.
“Xoguei 7 euros, gañei 10, volvín a metelos e perdín todo”, interrompe ao grupo entre risos outro rapaz que acaba de chegar. De feito, eles mesmos xa saben o que é máis perigoso. “A ruleta é o máis aditivo, é máis inmediata e non tes que esperar coma cando apostas nun partido”, asegura un do grupo baixo a mirada atenta do que acababa de chegar.
Mentres conversamos, un rapaz que recoñeceu apostar sendo menor reflexiona: “Os nosos país preocúpanse máis polos porros e polo alcol que polas apostas”. “No instituto ves como moita xente aposta para facerse os guais. Ademais, só falan do que gañan” indica.
QUE PASA COAS RAPAZAS?
Nestes grupos tamén hai mozas. “A verdade é que nunca apostei”, sinalan todas as entrevistadas. “Aos homes se lles inculca máis o xogo e a competividade. Nosoutras temos outras adiccións como as redes. A publicidade é feita por homes e está enfocada a eles“, manifesta unha rapaza. “Teño amigos que xa teñen xogado 100 euros nun día e de media poden perder máis de 20 euros á semana“, alerta a mesma. “O peor que lles pode pasar é que gañen“, conclúe.
Rapaces no descanso do recreo perto do salon de xogos Ruada © Miguel nuñez
Con todo, dirixímonos cara o IES máis próximo, o Politécnico, a apenas 80 metros do salón de Xogo. No camiño, falamos cuns taxistas que resultan ser veciños da zona. “A casa de apostas é o punto de encontro para moitos dos rapaces”, lamentan.
E QUE DI O CENTRO EDUCATIVO?
Chegamos ao IES Politécnico. Aténdenos o director, Xosé Euloxio Santos. “A lei non está a ter efecto retroactivo. Puxémonos en contacto coa UFAM e demostran que si que hai casos”, manifesta.
Euloxio Santos, Director do Politecnico durante a entrevista © Miguel Nuñez
“Nós facemos charlas informativas e de prevención sobre o tema no instituto, pero o gran problema educacional está no uso dos teléfonos móbiles sen información”, subliña o director. Sobre as posibles melloras co novo goberno, que falou de “atacar as casas de apostas”, Euloxio sinala: “Veremos que pasa, pero hai moitos intereses económicos detrás de todo isto”.
AS APOSTAS, EN DATOS POR INVESTIGADORES GALEGOS
O ‘Estudio sobre menores y juego en la comunidad gallega’ realizado polo psicólogo e profesor da USC, Antonio Rial Boubeta, clarifica en datos estatísticos moitos dos problemas que ten a xuventude co xogo. O estudo fíxose a través de enquisas cunha mostra de 9.059 adolescentes de entre 12 e 17 anos.
En primeiro lugar, o 24% dos menores recoñeceron apostar algunha vez na súa vida. Dese total que apostaron, vemos como hai diferenzas de xénero, xa que só o 13% corresponde a mulleres.
Ademais, aínda que aumentan as apostas on-line, os bares e locais de xogos seguen a ser o lugar onde os rapaces máis apostan. “Son os rituais sociais de hoxe”, sinala Antonio Rial. “A 4 de cada 5 rapaces non se lles pide o DNI cando apostan”, sinala o estudo.