InicioVigo e contornaMosIntervidos máis de 400 litros de augardente e viño de fabricación artesanal...

Intervidos máis de 400 litros de augardente e viño de fabricación artesanal nun bar-restaurante en Mos

As botellas atopadas non tiñan ningún tipo de etiqueta nin marcas fiscais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Garda Civil interveu unha partida de máis 400 litros de augardente e licores de fabricación artesanal que se comercializaban de forma fraudulenta nun establecemento público no municipio de Mos “sen ningún tipo de etiqueta nin marcas fiscais”.

Así o informou o Instituto Armado, que explicou que a actuación, levada a cabo pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Vigo no marco das súas competencias específicas, foi como consecuencia dunha inspección rutineira que realizaron nun bar-restaurante en Mos, co fin de comprobar o cumprimento da normativa fiscal e sanitaria da mercadoría que estaba disposta para a venda.

No transcurso da inspección, a Garda Civil localizou no bar e na adega do establecemento algo máis dun cento de envases que contiñan 352 litros de distintos augardentes, unha pequena cantidade de licor café e 61 litros de viño, todo iso de elaboración artesanal, sinalaron as mesmas fontes.

Segundo se puido comprobar, apuntou a Benemérita, todos os envases, que “aparentemente estaban dispostos para a distribución e venda aos clientes do bar, carecían das preceptivas etiquetas e marcas fiscais que poidan determinar a súa rastrexabilidade”, segundo a lexislación vixente.

En consecuencia, a Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Vigo procedeu á inmovilización cautelar de todos os envases que se precintaron.

Ao mesmo tempo, denunciouse o responsable do local por senllas infraccións administrativas: unha delas á Lei 38/1992 de Impostos Especiais, da que é competente a Dependencia de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, por carecer de precintos fiscais e a outra á Lei 2/2012 de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que terá que resolver a Delegación Provincial de Sanidade da Xunta.

Neste último caso, a denuncia ten a súa orixe, concreta o Instituto Armado, “no risco que a venda do alcol podería supor para a saúde pública”, dado que, puntualiza, “ao carecer de etiquetas comerciais pérdese a rastrexabilidade do produto e non se pode coñecer a empresa responsable da súa elaboración e distribución”.

ÚLTIMAS

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...

Organizacións de produtores de Vigo reclaman axilizar axudas ante a “difícil situación” da frota pesqueira

Organizacións de produtores viguesas (Opnapa, OPPC-3 e OPPF-4) trasladaron á secretaria xeral de Pesca,...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non...

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo...