InicioPolíticaO xulgado dá a razón ao Concello de Redondela e anula o...

O xulgado dá a razón ao Concello de Redondela e anula o requisito de empadroamento no cartón PassVigo

Abel Caballero atribúe a anulación do requisito a unha "lei antiVigo" elaborada polo goberno de Feijóo e Corina Porro censura o "populismo sen límites" do rexedor.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo ditou a sentenza na que se estima o recurso presentado polo Concello de Redondela, e declara contraria ao ordenamento xurídico a esixencia de empadroamento como condición para obter o cartón PassVigo, como cartón de bonificación do transporte urbano da cidade olívica.

Na súa sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, o maxistrado sinala que esa condición imposta polo Concello de Vigo vulnera varias normas, entre elas a lei galega 2/2017, que establece que os transportes públicos regulares poden ser utilizados por calquera persoa “sen discriminación”.

Neste procedemento, como medida cautelar, o xulgado suspendeu a esixencia do empadroamento, unha suspensión que foi recorrida polo Concello de Vigo e posteriormente ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Agora, unha vez axuizado o recurso inicial, o xulgado vigués ditou sentenza na que valida a lexitimación do Concello de Redondela, que representa “o interese xeral dos seus cidadáns”. Así, lembrou que a veciñanza deste municipio (e tamén de calquera outro) resulta afectada polas condicións que impón Vigo para outorgar o cartón de transporte, sobre todo tendo en conta que, ata esa decisión, podía beneficiarse das bonificacións.

Así mesmo, pon de manifesto que a esixencia do empadroamento non quedou regulada en ningún acto administrativo, xa que non se fixo constar nin no convenio asinado entre o Concello de Vigo e Abanca para emitir os novos cartóns, nin no acordo de Xunta de Goberno que regulou as condicións de obtención das mesmas.

VULNERACIÓN DE NORMATIVA

En todo caso, na súa sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, o maxistrado sinala que esa condición imposta polo Concello de Vigo vulnera varias normas, entre as que menciona o regulamento de servizos das Corporacións Locais, a Lei de Ordenación dos Transportes de 1987 e a lei galega 2/2017, que establece que os transportes públicos regulares poden ser utilizados por calquera persoa “sen discriminación”.

Segundo sinala o xuíz, a norma tamén apunta que non pode haber esa discriminación “por razóns de territorio ou residencia, nin por razóns sociais ou doutra índole” no acceso a bonos de utilización recorrente.

ABEL CABALLERO: “LEI ANTIVIGO”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, atribuíu este xoves a anulación xudicial do empadroamento como requisito para obter o cartón PassVigo (que permite a bonificación de billete no bus urbano) a unha “lei antiVigo” elaborada polo goberno de Feijóo para “atacar” á cidade.

Segundo Abel Caballero, o xuíz estimou o recurso interposto polo Concello de Redondela en 2018 “porque o di esa lei, 2/2017, que só se aplica en Vigo”. “É unha lei que obriga a Vigo a pagar os buses ás persoas de fóra (…), en contra da nosa vontade”, proclamou o rexedor, quen engadiu que esa norma tamén é contraria “á autonomía local”.

“Isto forma parte do matonismo político de Feijóo en contra da cidade, pero responder as eleccións”, proclamou o alcalde, quen insistiu en que a lei 2/2017 foi feita “só para ésto” e “non se aplica noutros lugares de Galicia”.

CORINA PORRO: “POPULISMO SEN LÍMITES”

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, advertiu de que a sentenza “é clara e contundente” e di que “é ilegal” impedir aos usuarios non empadroados obter este cartón de bonificación para o bus urbano. “Se a xustiza lle dá a razón é, por suposto, grazas a el; pero se lla quita, como é o caso, é por culpa de Feijóo”, ironizou.

Porro sinalou que “non son Feijóo nin a Xunta os que discriminan a Vigo, senón que é o alcalde o que tenta discriminar os cidadáns, e a xustiza non llo permite, está a pararlle os pés”. “Unha vez máis está a entrar en paranoia (…), temos un alcalde que non quere cumprir a lei e manipula sen cesar, con fins electorais ou un victimismo inventado”, aseverou.

A delegada da Xunta censurou o “populismo sen límites” do rexedor, que leva os vigueses “a un precipicio”. “Debemos recuperar o sentimento de cidade aberta e acolledora, como sempre foi Vigo, e non sometida aos caprichos dun alcalde irresponsable”, proclamou.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...