Cales son os concellos máis sustentables de Galicia? En xeral, os máis grandes e, por áreas xeográficas, os do norte, coa excepción de Ferrol. Así o indica un estudo feito por investigadores do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Para medir a sustentabilidade dos municipios galegos, os autores do estudo deseñaron unha metodoloxía baseándose en 38 indicadores que inclúen os tres alicerces da sustentabilidade: social, económico e ambiental. Para levar a cabo esta avaliación, seleccionáronse 64 municipios dos 313 que hai en Galicia e clasificáronse en tres grupos segundo o seu tamaño de poboación: máis de 50.000 habitantes, entre 5.000 e 50.000, e menos de 5.000.
“De acordo coa definición de sustentabilidade establecida, ao redor dun 40% dos municipios galegos analizados, os cales se poden considerar representativos de toda a comunidade, serían considerados sustentables”, explica para Galicia Confidencial Sara González García, doutora en Enxeñaría Química pola Universidade de Santiago.
“Os resultados mostran que os municipios máis sustentables están no norte de Galicia”, saliéntase no estudo, no que se destaca que, independentemente do método de ponderación, o 57% dos municipios con máis de 50.000 habitantes (as sete principais cidades de Galicia) clasifícanse como sustentables, fronte o 45% do resto de concellos.
CONCELLOS SUSTENTABLES E NON SUSTENTABLES
As localidades clasificáronse mediante unha etiqueta de sustentabilidade na que se combinan tres letras (A, B ou C), sendo AAA o mellor resultado posible e CCC, o peor. Nesa combinación de tres letras, a primeira corresponde á dimensión social, a segunda á económica e a terceira á ambiental, de xeito que un municipio coa etiqueta de sustentabilidade AAA debe considerarse sustentable en todas as súas dimensións; pola contra, unha etiqueta CCC sitúao lonxe de patróns sustentables.
Da lista de 64 municipios analizados, 30 foron identificados como sustentables: 12 con menos de 5.000 habitantes, 14 entre 5.000 e 50.000 e catro das grandes cidades galegas.
De toda a mostra, só dous municipios conseguiron a mellor combinación de letras (AAA): Muxía e Vilariño de Conso. E, “sorprendentemente”, ningunha das sete grandes cidades de Galicia acadou a cualificación tripla A. Entre estas, A Coruña e Santiago foron clasificadas como AAB e Pontevedra e Lugo como BBA. Peores cualificacións obtiveron Ourense (BBB), Vigo (BBC) e, sobre todo, Ferrol (CCB), que se sitúa entre os concellos galegos con peores resultados.