Dos axentes da Policía Nacional fóra de servizo interviñeron o pasado 20 de outubro para auxiliar un veciño de Vigo que sufriu unha parada cardiorrespiratoria nas inmediacións dun establecemento hostaleiro da rúa Regueiro.
Segundo explica ese corpo de seguridade nun comunicado, os feitos ocorreron cando dous axentes se atopaban preto do local e observaron como un home entraba en parada cardiorrespiratoria. Un deles comezou de inmediato a practicar as primeiras manobras de reanimación, mentres o seu compañeiro correu ata a Comisaría da Policía Nacional, situada na rúa Álvaro Cunqueiro, para conseguir o desfibrilador externo semiautomático (DESA) dispoñible nas instalacións policiais.
Unha vez na Comisaría, o axente recibiu o dispositivo das mans do policía que realizaba labores de seguridade no acceso. Este, xunto con outro axente da Oficina de Denuncias, desprazouse tamén a toda présa ata o lugar da emerxencia para colaborar na asistencia.
Á súa chegada, o primeiro policía seguía coas manobras de reanimación, apoiado por dúas enfermeiras e unha médica que se atopaban nas proximidades. A intervención coordinada permitiu empregar o DESA e continuar coas manobras de reanimación ata que o home recuperou o pulso.
