A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acollerá este martes ás 11,00 horas a vista de apelación sobre a sentenza que, de acordo co veredicto dun Tribunal de Xurado, condenou a 41 anos de cárcere a José Luis Luna Pereira, por asasinar a un mozo na noite de San Xoán de 2017, na praia de Arealonga, en Redondela.
Luna Pereira foi xulgado por un tribunal popular na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, e tras o veredicto de culpabilidade, ditouse sentenza condenatoria na que se lle impuxeron un total de 41 anos de prisión por varios delitos: o asasinato do mozo Daniel Beltrán Pinto; unha tentativa de asasinato por disparar a outro mozo; un homicidio tentado contra os axentes de Policía que o detiveron; e un delito de tenencia ilícita de armas.
O procesado foi declarado culpable por unanimidade polo xurado, que rexeitou os argumentos do seu defensa, e considerou acreditado que estaba en pleno uso das súas facultades cando cometeu o crime, e que non padecía os efectos nin do alcol nin dunha síndrome de abstinencia.
Así, na sentenza reflíctese como feito probado que José Luis Luna disparou no peito a Daniel Beltrán cando este lle recriminou que estivese a ouriñar na praia. Tamén se considera acreditado que disparou contra outro mozo por detrás, aínda que errou o tiro.
Do mesmo xeito, o tribunal considerou probado que tentou disparar aos axentes que o detiveron. A ese respecto, na sentenza recóllese que o acusado non atendeu ás indicacións dos policías, que lle pediron que se parase e ensinase as mans, e conclúe que a súa intención, ao meter a man na bandoleira que portaba, era sacar a arma e disparar.
Ademais das penas de privación de liberdade, en concepto de responsabilidade civil, a Audiencia Provincial condenou a José Luis Luna a indemnizar aos pais e irmáns de Daniel Beltrán na suma de 286.000 euros.