As empresas auxiliares do naval en situación de preconcurso ou concurso, ou aquelas que teñan vinculación directa ou participación nos estaleiros non poderán optar á liña de préstamos anunciada hai uns días pola Xunta de Galicia, dentro dun plan global de axudas dotado con 36 millóns de euros.
Así o trasladaron responsables do Igape este martes nun encontro en Vigo con empresarios desas auxiliares, no que participaron tamén o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e os responsables de Aclunaga, Manuel Vázquez, e de Asime, Justo Sierra.
A directora da área de financiamento do Igape, Raquel Rodríguez, deu a coñecer os requisitos que deberán cumprir as empresas que desexen optar a estes préstamos, uns préstamos que oscilarán entre 50.000 e un millón de euros, serán a cinco anos (con dous de carencia) e a un tipo do euribor máis dous puntos.
Segundo explicou aos empresarios, os beneficiarios desta liña de préstamos han de ser empresas que facturen servizos ou traballos a construtores navais, cos que non poden ter vinculación ou participación.
As axudas deben destinarse a financiar pagos operativos (gastos correntes, provedores, Seguridade Social, débedas bancarias vencidas…) e as empresas deben acreditar que non están “en situación de crise”, é dicir, os seus fondos non poden estar por baixo da metade do seu capital social, e tampouco poden estar en situación de preconcurso ou de concurso.
Para empresas que chegasen a esa situación preconcursal, a vía alternativa sería recorrer a XesGalicia, aínda que as condicións de financiamento dos préstamos “son diferentes”, segundo apuntou o propio Francisco Conde.
COBERTURA DO 75 % DO SALDO PENDENTE
Os solicitantes das axudas deberán presentar unha memoria justificativa e un plan de tesouraría, así como outros informes e documentos para que se tramite a súa petición, que será avaliada por un comité de risco no Igape.
Ademais, deberán ter en conta que as axudas públicas non poden cubrir máis do 75 por cento dos seus saldos pendentes, por cuestións de normativa europea e, unha vez que reciban o visto e prace e poidan dispor do préstamo, poderán decidir se o reciben nunha vez ou en varios prazos.
As condicións específicas destes préstamos serán publicadas “a próxima semana” no Diario Oficial de Galicia, e trátase dunha liña de crédito que permanecerá “aberta” ata decembro de 2020. “Esta non é unha liña para Barreras”, quixo precisar o conselleiro Conde, quen recalcou que os préstamos están destinados á industria auxiliar que se viu en problemas por falta de pagamentos de empresas, non necesariamente só as afectadas pola crise do estaleiro vigués.
“SOLUCIÓN GLOBAL”
Por outra banda, o titular de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, en declaracións aos medios antes de participar nese encontro con empresarios, subliñou que o naval galego “están demostrado a súa competitividade” e a súa “capacidade de innovación” e “diversificación”.
Por iso, apostou por un traballo “conxunto” de todos os axentes implicados para “consolidar” esta industria, que ten en Galicia o 55 % da carga de traballo de España, e puxo en valor esta liña de préstamos, como “ferramenta” para axudar a fortalecer as empresas deste sector.
Cuestionado pola situación de Barreras, Conde insistiu en que o goberno galego “leva semanas mediando” e que quedou constatado que o estaleiro non ten un problema “financeiro” ou de “capacidade técnica”, senón que as diferenzas están entre os accionistas, aos que pediu que traballen para “aliñar” a todas as partes (propiedade, armadores, entidades financeiras, etc.).
En todo caso, o conselleiro repetiu que a solución á crise de Barreras ha de ser “integral” e “non só para construír o cruceiro” de Ritz Cartlon. “Hai que establecer unha solución viable para o persoal do estaleiro e as auxiliares”, afirmou, e engadiu que esa solución debe incluír a execución dos traballos para Havila e Armas.
Finalmente, e cuestionado acerca da iniciativa das empresas auxiliares acredoras que se constituíron en sociedade e negocian para entrar no accionariado do estaleiro, Conde apuntou que “todas as iniciativas son positivas”. “Dentro das posibles solucións, non hai que descartar ningunha (…), é unha alternativa máis, pero son os accionistas os que deben identificar unha solución”, reiterou.